A Xunta inviste máis de 47.000 euros na reforma dos aseos do CEIP de Corvillón, en Cambados
O delegado territorial visitou esta mañá o centro educativo para comprobar o resultado das obras
No concello de Cambados está a piques de rematar a ampliación do Colexio San Tomé, no que a Xunta está a investir 1 millón de euros
A actuación reforza o compromiso da Xunta coa conservación e modernización dos centros escolares
Cambados (Pontevedra), 21 de maio de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o CEIP de Corvillón, en Cambados, onde a Xunta realizou unhas obras de reforma dos aseos da planta alta do centro.
A actuación, que contou cun orzamento de máis de 47.000 euros, permitiu renovar todo o sistema de canalizacións, así como os elementos dos aseos e a iluminación dos mesmos.
Durante a visita, o delegado territorial destacou a importancia desta intervención para “mellorar a comodidade do alumnado e manter os centros educativos nas mellores condicións posibles”. Neste sentido, subliñou que a Xunta continúa a realizar un importante esforzo investidor na mellora dos centros públicos de ensino.
Neste sentido, o delegado lembrou que neste concello está a piques de rematar a ampliación do Colexio de San Tomé, onde a Xunta está a investir 1 millón de euros. Ademais, Reguera lembrou a súa recente visita ao IES Francisco Asorey onde a Consellería de Educación levou a cabo unha actuación de mellora da eficiencia enerxética por valor de máis de 50.000 euros.
Estas obras forman parte da estratexia da Xunta de Galicia de mellora continua da rede de centros educativos públicos, mediante actuacións orientadas á modernización das súas instalacións, ao aforro enerxético e á creación de contornas máis confortables para o desenvolvemento da actividade lectiva.
Plan de nova arquitectura pedagóxica
O Goberno galego ten un compromiso coa renovación e adaptación dos colexios e institutos ás necesidades do século XXI ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
Esta folla de ruta abrangue tanto as partidas anuais para as grandes obras en execución, como a construción de novos centros ou rehabilitacións integrais, así como intervencións de pequena e mediana envergadura que adoitan acometerse nos meses de verán (reformas de baños, pequenas melloras de accesibilidade, obras de humanización, tarefas de pintura ou arranxos de patios, entre outras).