A Xunta mellorará as instalacións do centro de día público de Cospeito
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, participa no quince aniversario deste recurso
Cospeito (Lugo), 21 de maio do 2026
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, anunciou hoxe a próxima firma dun convenio de colaboración co Concello de Cospeito para a realización de obras de mellora no centro de día, pertencente á rede pública autonómica. Fíxoo coincidindo coa celebración dos 15 anos de actividade deste servizo de atención diúrna, ao que acoden diariamente 40 maiores deste municipio e dos da contorna.
Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde, Armando Castosa, destacou a importancia da colaboración entre institucións para achegar ás persoas maiores, vivan onde vivan, os coidados e servizos que necesitan nesta etapa das súas vidas. Ademais, enmarcou as obras que se acometeran neste centro de día no plan de mellora continua dos equipamentos que forman parte do Consorcio, tanto os dirixidos ás persoas maiores como as escolas infantís.
Por último, o xerente do ente autonómico felicitou ao persoal, usuarios e familiares por este aniversario. Unha celebración que se prolongou ao longo de toda esta semana con diferentes actividades, entre outras, un encontro interxeracional co colexio de Cospeito. Na xornada de hoxe tivo lugar unha actuación musical, entrega de agasallos e un xantar.