A Xunta apoia unha nova edición da carreira solidaria organizada polo colexio Cervantes, de Lugo, que se celebra este domingo

Lugo, 22 de maio de 2026

A Xunta apoia a XVI Carreira Solidaria Memorial Profe Alberto, organizada polo colexio Cervantes, de Lugo, que se celebrará este domingo, 24 de maio, co obxectivo de recadar fondos para a investigación sobre o glioblastoma.

A Delegación Territorial acolleu esta mañá a presentación desta iniciativa, nun acto que contou coa presenza do delegado territorial, Javier Arias; a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; e o director do centro organizador, José Antonio Castro, entre outros.

O evento rexistrará nesta edición a maior participación da súa historia, cun total de 838 inscritos, consolidándose como unha das iniciativas solidarias e deportivas de referencia na cidade.

As probas desenvolveranse nos arredores do colexio Cervantes, situado na rúa Camiño de Pipín. A xornada arrancará ás 11,00 horas coa carreira das categorías infantís, que sairán desde a Praza Agro do Rolo. Da mesma localización partirán, ás 12,00 horas, os participantes na modalidade ‘canicross’ e na andaina familiar. A carreira absoluta sairá ás 12,15 horas desde a farmacia Labandeira, para facer un percorrido de 5 quilómetros. Como en anos anteriores, ofreceuse tamén a posibilidade de colaborar cun dorsal solidario para aquelas persoas que o domingo non poidan asistir á carreira.

Con esta iniciativa, os organizadores queren manter viva a memoria do profesor do centro Alberto Otero, falecido a causa dun tipo de tumor cerebral coñecido como glioblastoma. Así, a recadación conseguida destinarase integramente ao proxecto de investigación ‘Zebraglio’, promovido desde o Hula e o Campus Terra, que avanza na procura de novas vías para comprender e tratar este tipo de tumor.

Javier Arias puxo en valor o “compromiso solidario de toda a comunidade educativa” do colexio Cervantes e destacou o “importante labor de sensibilización que supón esta proba, que une deporte, convivencia e apoio á investigación científica”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2026