O seguimento na quenda de mañá da folga médica contra o Estatuto Marco do Goberno central acada o 16,80 % na sanidade pública galega

Nos servizos de atención hospitalaria o seguimento da folga é do 22,44 %

No que atinxe á atención primaria, o seguimento da folga en rexeitamento do borrador presentado polo Ministerio de Sanidade acada o 2,52 %

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2026

O seguimento da folga de médicos a nivel nacional convocada contra o Estatuto Marco promovido polo Goberno central na quenda de mañá deste venres foi do 16,80 % nos centros sanitarios da comunidade.

A porcentaxe de participación nos sete grandes hospitais do Servizo Galego de Saúde, na quenda de mañá, acadou o 23,13 %. En canto aos hospitais comarcais, o seguimento foi do 12,72 %. No seu conxunto, a actividade hospitalaria contou cunha participación na folga do 22,44 %.

No que respecta á atención primaria, o seguimento da folga en rexeitamento do borrador presentado polo Ministerio de Sanidade acadou o 2,52 % de participación.

No total dos dous niveis asistencias, a folga tivo un seguimento do 16,96 %.

Por centros hospitalarios, o paro foi secundado polo 23,62 % no caso do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; o 20,44 % no caso do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela; o 16,29 % no caso do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol; o 19,64 % no caso do Hospital Universitario Lucus Augusti; o 20,18 % no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; o 22,67 % no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra; e o 31,47 % no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. 

No caso dos hospitais comarcais, o seguimento acadou o 6,52 % no Hospital Público de Cee; o 19,12 % no Hospital Público de Barbanza; o 11,97 % no Hospital Público da Mariña; o 12,33 % no Hospital Público de Monforte de Lemos; o 0,00 % no Hospital Público do Barco de Valdeorras; o 18,03 % no Hospital Público de Verín; e o 0,00 % no Hospital do Salnés.

En canto ao seguimento en atención primaria na quenda de mañá, por áreas sanitarias, foi o seguinte: na da Coruña e Cee, 0,82 %; na de Santiago de Compostela e Barbanza, 2,04 %; na de Ferrol, 5,34 %; na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 2,17 %; na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, 1,53 %; na de Pontevedra e O Salnés, 2,42 %; e na de Vigo, do 4,27 %.   

Pola súa banda, o seguimento nas entidades sanitarias como son a Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), a empresa pública de servizos sanitarios Galaria e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, foi do 1,19 %.

O Servizo Galego de Saúde conta na xornada de hoxe coa cobertura do 100 % dos servizos mínimos, garantindo a actividade asistencial urxente e de emerxencias.

Data de actualización: 22/05/2026