Belén do Campo anuncia a adxudicación por máis de 256.000€ das obras de restauración da fachada e do campanario da igrexa da Nosa Señora de Laxe de Vilasantar
Os traballos foron adxudicados á empresa Citanias Obras y Servicios, S.L.U e contarán cun prazo máximo de execución de seis meses
Vilasantar (A Coruña), 22 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez e polo director territorial da Consellería Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, anunciou hoxe a adxudicación das obras de restauración da fachada e do campanario da igrexa de Nosa Señora da Laxe, no municipio coruñés de Vilasantar.
Os traballos foron adxudicados á empresa Citanias Obras y Servicios, S.L.U, por un importe de máis de 256.000 euros, A actuación contará cun prazo máximo de execución de seis meses e financiarase con cargo ás anualidades de 2026 e 2027, cunha achega de 217.819 euros e 38.438 euros, respectivamente.
Durante unha visita a este ben catalogado, o edificio actual data o século XVI, a representante autonómica subliñou que “con esta actuación o Goberno galego volve demostrar o seu compromiso co patrimonio cultural repartido por todo o territorio da Comunidade, especialmente con aqueles elementos que forman parte da identidade e da historia dos nosos concellos”.
A intervención estará centrada na fachada principal e no campanario do templo, co obxectivo de resolver os problemas de entrada de auga detectados no rosetón e tamén as deficiencias de estabilidade existentes na cúpula de coroación da torre.
Neste sentido, a delegada explicou que se procederá á substitución da carpintería do rosetón da fachada principal e á desmontaxe e reconstrución da cúpula de coroación da torre. Ademais, reforzarase a base desta estrutura mediante a execución dun novo rexuntado. Tamén se substituirán as pezas de madeira afectadas e colocarase un novo lucernario.
As obras incluirán tamén melloras nas impermeabilizacións e na ventilación do conxunto, así como o reforzo dos contrafortes para garantir unha mellor conservación do inmoble.
Con este proxecto resolveranse as patoloxías máis urxentes do edificio derivadas de factores ambientais e antrópicos.
Belén do Campo destacou que estes traballos forman parte “da implicación total do Goberno galego con este concello e co seu patrimonio”. Así mesmo, sinalou que “o coidado e a protección global dos bens repartidos por toda Galicia contribúen a poñer en valor o amplo, rico e diverso patrimonio co que contamos en Galicia e, neste caso, na provincia da Coruña”.