Román Rodríguez participa en Ribadeo na presentación da Fundación Sergio Villar e na Festa das Cruces
O conselleiro de Educación asiste ao acto no que se dá a coñecer a entidade, que colabora coa Xunta no programa ‘Acordamos Convivir’, e aos actos de inicio da romaxe
Ribadeo (Lugo), 23 de maio de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe en Ribadeo na presentación da Fundación Sergio Villar e nos actos de inicio da Romaxe das Cruces, Festa de Interese Turístico Galego.
A Fundación Sergio Villar é unha entidade sen ánimo de lucro creada en memoria de Sergio Villar Díaz, mozo ribadense falecido aos 18 anos nun accidente de tráfico ocorrido en Xove en 2023, no que tamén perderon a vida outros tres mozos. A entidade naceu en 2025 co obxectivo de contribuír a mellorar as condicións de vida das persoas e colectivos en situación ou risco de vulnerabilidade, prestando especial atención á infancia e á adolescencia. Neste sentido, impulsa coa Xunta de Galicia o novo programa piloto Acordamos ConVivir, a través do que arredor de 1.500 alumnos de 20 centros aprenden a resolver os conflitos desde a mediación pacífica este curso.
A continuación, o conselleiro desprazouse ao Santuario de Nosa Señora das Virtudes de A Ponte, en Arante, para participar na inauguración da exposición Un segredo por descubrir, que conta co apoio da Xunta. Comisariada polo historiador Daniel Manuel Vázquez Vila, a mostra pon en valor o patrimonio histórico, artístico e xacobeo desta igrexa, especialmente as súas pinturas medievais, góticas e marianas, así como outros elementos singulares do conxunto. Intégrana oito paneis que repasan, cun enfoque didáctico e pedagóxico, a historia do santuario e a súa relación cos Camiños do Norte. O inicio das festas rematou coa lectura do pregón a cargo de Carmen Rodríguez Cancelo, directora da Coral Polifónica de Ribadeo.