Belén do Campo e Roberto García felicitan ao Maristas Coruña feminino polo seu histórico ascenso á Liga Feminina Challengue

Ambos destacaron que este éxito é o resultado do esforzo, da constancia e do traballo desenvolvido ao longo dos anos por xogadoras, corpo técnico, directiva, familias e toda a comunidade educativa vinculada ao colexio Maristas

A Coruña, 25 de maio de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao secretario xeral para o Deporte, Roberto García, e a directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, trasladaron a súa máis sincera felicitación ao Club Maristas Coruña tras a consecución do título ligueiro da LF2 e o histórico ascenso á Liga Feminina Challenge, un fito que sitúa ao baloncesto feminino coruñés e galego nun novo chanzo de excelencia deportiva.

Ambos destacaron que este éxito é o resultado do esforzo, da constancia e do traballo desenvolvido ao longo dos anos por xogadoras, corpo técnico, directiva, familias e toda a comunidade educativa vinculada ao colexio Maristas. “Estamos ante unha conquista que transcende unha tempada extraordinaria e que reflicte os valores do deporte: compromiso, superación e espírito de equipo”, sinalou.

O conxunto coruñés culminou unha campaña para a historia cun novo triunfo fronte ao GEiEG Girona, confirmando o ascenso á segunda categoría do baloncesto feminino español e proclamándose campión da LF2.

Os representantes do Goberno galego puxeron en valor o modelo de club que representa Maristas Coruña, baseado na formación integral das deportistas e no sentimento de pertenza dunha entidade que leva anos construíndo unha identidade propia. “Este ascenso é tamén o recoñecemento ao traballo de moitas persoas que fixeron crecer este proxecto desde a base, converténdoo nun referente do baloncesto feminino galego”, afirmou Roberto García.

Neste sentido, ambos dirixentes tamén destacaron que o Club de Baloncesto Maristas conta con aproximadamente 250 deportistas, cunha presenza  do 50% de mulleres e 50% de hombres, e estruturado en 22 equipos federados, concretamente 12 masculinos e 10 femininos. Así mesmo, puxeron en valor o apoio da Xunta de Galicia ao club para favorecer a súa participación en competicións de alto nivel neste ano 2026, cunha achega que supera os 34.000 euros.

Belén do Campo subliñou ademais o exemplo que representan xogadoras que levan toda unha vida defendendo estas cores, así como aquelas que se incorporaron recentemente e atoparon no club unha segunda casa. “O éxito de Maristas demostra que cando hai ilusión, planificación e compromiso colectivo, os soños poden facerse realidade”, engadiu.

Por último, trasladaron os seus mellores desexos ao equipo de cara á próxima tempada na Liga Feminina Challenge e reiteraron o compromiso da Xunta de Galicia co apoio ao deporte feminino e aos proxectos que contribúen a promover os valores deportivos e a igualdade de oportunidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2026