Martina Aneiros loa o labor dos voluntarios de ASF Acompaña co seu traballo pola humanización da asistencia sanitaria
A delegada visitou hoxe aos participantes deste proxecto no Hospital Arquitecto Marcide
O programa, que ofrece acompañamento, apoio emocional e escoita activa a pacientes hospitalizados e durante visitas sanitarias, cumprirá un ano este verán e mantén aberta a inscrición para novas incorporacións
Ferrol, 26 de maio de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe xunto á directora territorial de Sanidade, Cristina Pérez, e a xerente da Área Sanitaria de Ferrol, María Fernanda López, aos voluntarios de ASF Acompaña no Hospital Arquitecto Marcide.
ASF Acompaña é un proxecto de humanización co obxectivo concreto de ofrecer compañía, escoita activa e apoio emocional a persoas hospitalizadas ou que asisten a consultas médicas. Os voluntarios repártense mañá e tarde case todos os días da semana e o servizo soe ser a demanda dos responsables das Unidades ou do propio paciente, aínda que tamén pode solicitar o acompañamento do voluntariado calquera profesional ou familiar de paciente.
Se non hai unha demanda concreta, as visitas soen seguir sempre a mesma dinámica: os voluntarios contactan cos profesionais sanitarios do andar correspondente, que lles indican os pacientes que poden recibilos ou aos que é aconsellable que visiten. O seguinte paso é pedir permiso a esas persoas e preguntarlles se queren a súa compañía.
Aneiros felicitou aos voluntarios que prestan desinteresadamente este servizo “que contribúe á humanización da asistencia sanitaria e a paliar a soidade non desexada, sobre todo en momentos tan difíciles como poden ser as hospitalizacións ou as consultas médicas”, destacou a representante autonómica.
O proxecto, que cumprirá un ano este verán, realizou xa máis de 100 visitas e acompañamentos. Conta actualmente con 29 voluntarios que recibiron formación específica básica para coñecer a área sanitaria e a súa organización, así como para familiarizarse co ámbito no que desenvolven as súas funcións. Ademais, durante esta formación inicial, aprenderon sobre as funcións e os límites do voluntariado e traballaron habilidades de comunicación e escoita activa, entre outros temas. A parte, contan cunha formación continua con sesións trimestrais sobre dó, saúde mental e primeiros auxilios emocionais.
A delegada aproveitou a visita para recordar que o programa continúa aberto a incorporacións, e que todas as persoas maiores de idade poden formar parte del apuntándose a través do formulario que encontrarán na páxina web da área ferrolá (ferrol.sergas.gal). Os requisitos para sumarse como voluntario pasan por adquirir un compromiso mínimo de 3 meses, asinar o compromiso ético e de confidencialidade e non realizar tarefas sanitarias nin administrativas relacionadas co paciente. As xornadas e horarios son flexibles e dun mínimo de 2 horas.