A Xunta adxudica por máis de 66.000 € o mantemento de xardíns e patios de centros de atención primaria da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza

Inclúense no contrato, dunha duración mínima de dous anos, 16 centros de saúde e puntos de atención continuada

As instalacións con zonas verdes de maior dimensións son as do Centro Integral de Saúde de Lalín, que superan os 4.000 m2

A execución do contrato recolle prácticas respectuosas co medio ambiente, como a reciclaxe ou compostaxe de residuos

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, vén de adxudicar, por un importe de 66.357,37 euros, o servizo de mantemento de xardíns e patios interiores de 16 centros de atención primaria da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza á empresa Properdis empresa de insercción laboral, S.L..

En concreto, a adxudicataria encargarase do mantemento de xardíns dos centros de saúde de Carnota, Pontecesures, Vila de Cruces, Bembibre (Val do Dubra), Boqueixón, Brión, Fontiñas, Galeras, Milladoiro, Vite, ademais dos centros de saúde e puntos de atención continuada de Muros, A Estrada, Silleda, Valga, Bertamiráns e o Centro Integral de Saúde de Lalín.

Os centros con maior extensión para o mantemento de xardíns e patios son o Centro Integral de Saúde de Lalín, con 4.100 metros cadrados; o centro de saúde e PAC de Muros, con máis de 3.600 m2; o centro e PAC da Estada, con 2.600 m2; o centro de saúde de Vila de Cruces, con 2.000 m2; o centro e PAC de Silleda, con máis de 1.500 m2; ou o centro de saúde de Pontecesures, con máis de 1.200 m2.

O prazo de execución do contrato será de 24 meses e poderá ser obxecto de prórrogas cunha duración máxima de 12 meses máis.

A prestación do contrato inclúe medidas respectuosas co medio ambiente, como a reciclaxe ou compostaxe de residuos, ademais da eliminación de plantas invasoras.

Data de actualización: 26/05/2026