A Xunta adxudica a redacción do proxecto do novo centro de saúde de Becerreá por máis de 212.000 euros

O Executivo galego investirá máis de 3,2 millóns de euros na construción desta infraestrutura sanitaria

O novo centro de saúde superará os 2.000 m2 de superficie e contará con 3 consultas de medicina, 3 consultas de enfermería, 1 sala polivalente e diferentes salas técnicas e de toma de mostras

Reforzarase a capacidade de resposta do punto de atención continuada dotándoo dunha nova sala de observación, 1 box de críticos, 1 consulta de enfermería e 2 de medicina, unha máis que na actualidade

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2026

A Xunta vén de publicar, no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a adxudicación por un importe de 212.792 € á empresa Alfonso Carlos Penela Fernández, da redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Becerreá.

O Executivo galego investirá máis de 3,2 millóns de euros na construción dunha infraestrutura coa que optimizará os servizos sanitarios nesta localidade lucense.

O novo centro de saúde contará cunha superficie construída que superará os 2.000 m2. Segundo o seu Plan Funcional, o novo inmoble contará con 3 consultas de medicina, 3 consultas de enfermería, 1 sala polivalente e diferentes salas técnicas e de toma de mostras.

Ademais, disporá dunha área de pediatría, con consulta de medicina, de enfermería e sala de dilatación, e unha área de atención á muller cunha consulta de matrona e sala de educación para a saúde. Entre as súa novidade, tamén se inclúen unha consulta de traballo social, unha de hixienista, unha sala de técnicas, unha polivalente e outra destinada á docencia.

O Executivo galego mellorará a atención sanitaria da poboación de Becerreá modernizando tamén a súa área de radioloxía, así como os espazos destinados as tarefas administrativas e de xestión.

Do mesmo xeito, reforzarase a capacidade de resposta do punto de atención continuada dotándoo dunha nova sala de observación, un box de críticos, 1 consulta de enfermería e 2 de medicina -unha máis que na actualidade-.

A construción do novo centro de saúde de Becerreá insírese no compromiso da Xunta por achegar unha sanidade pública moderna, próxima e accesible a toda a cidadanía galega.

Data de actualización: 27/05/2026