O titular de Sanidade visitou está mañá as instalacións reacondicionadas e dotadas con novo equipamento de alta tecnoloxía
Gómez Caamaño destaca o investimento da Xunta de 463.500 euros na nova sala de neurorrehabilitación do Hospital Gil Casares de Santiago, que se porá en servizo este mesmo venres
Os servizos de neurorrehabilitación atenden arredor de 600 pacientes cada ano, entre os que destacan as persoas que padecen algunha enfermidade rara
O novo espazo ofrecerá unha atención especializada e integral aos pacientes con trastornos neuromotores
Entre o equipamento adquirido destacan o sistema de rehabilitación robótico co que se reeduca o patrón da marcha nos pacientes e os dispositivos de adestramento terapéutico dos membros inferiores
A Xunta reforzará tamén o cadro de persoal desta unidade que contará con fisioterapeutas, terapeuta ocupacional, celador e logopeda
Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou esta mañá a nova sala de neurorrehabilitación do Hospital Gil Casares de Santiago de Compostela. O Executivo galego investiu un total de 463.500 euros para ofrecer unha atención especializada e integral aos pacientes con trastornos neuromotores.
Xunto con membros do equipo directivo da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, o responsable da carteira sanitaria da Xunta avanzou que esta nova unidade entrará en funcionamento mañá mesmo, co obxectivo de mellorar calidade de vida dos 600 pacientes que cada ano pasan polo servizo de neurorrehabilitación.
Segundo precisou o titular de Sanidade, a Xunta destinou un total de 102.000 euros ás obras de acondicionamento deste espazo, aos que se engade unha partida de máis 361.000 euros para a adquisición de equipamento de última xeración.
Este investimento tecnolóxico, que contou co financiamento de fondos europeos, suporá un salto de calidade nos coidados que o Servizo Galego de Saúde presta á poboación que padece algún tipo de lesión no sistema nervioso.
Entre o equipamento adquirido para a nova sala de neurorrehabilitación do Hospital Gil Casares destaca a dotación dun sistema de rehabilitación en marcha robótico, enfocado na reeducación do patrón da marcha dos pacientes; ou os equipos de adestramento terapéutico de membros inferiores para rehabilitación asistida, que contan cunha alta eficacia en afeccións coma o ictus, as lesións medulares ou a esclerose múltiple.
Así mesmo, tamén se adquiriron dispositivos de adestramento neurocognitivo e de rehabilitación funcional do membro superior, que contribúen a facilitar a realización das tarefas diarias.
Ademais, a unidade disporá dun novo sistema de rehabilitación do equilibrio e de sistemas de ondas mecano-sonoras selectivas, cuxo obxectivo será acelerar a recuperación dos pacientes mediante a estimulación dos receptores musculares e articulares.
Unha mellor atención e reforzo do cadro de persoal
Xunto coas obras de remodelación e a dotación de equipamento, a Xunta tamén reforzará o cadro de persoal deste servizo. Así, contará cun equipo multidisciplinar formado por dous fisioterapeutas (incorporando un profesional máis respecto aos que había ata o de agora), un terapeuta ocupacional e un celador.
Así mesmo, o servizo de rehabilitación aumentou en un adxunto e está prevista a próxima incorporación dun logopeda.
Gómez Caamaño subliñou que esta actuación supón un avance no cumprimento da Estratexia Galega en Enfermidades Raras 2025-2030, ao tempo que subliñou a mellora acadada nos coidados a estes pacientes coa posta en marcha das Unidades Funcionais Multidisciplinares de Santiago, A Coruña e Vigo.
O titular de Sanidade concluíu a súa visita remarcando a aposta decidida da Xunta polas infraestruturas sanitarias públicas, lembrando que este proxecto se engade a outras recentes reformas realizadas no Hospital Gil Casares de Santiago, como a renovación integral da Unidade de hospitalización de psiquiatría (2023) ou a reforma de consultas externas de dermatoloxía (2024), que supuxeron un investimento conxunto de 458.000 euros.