A Xunta apoia a Ruta Castrexa de Mototurismo, que discorrerá por 12 concellos lucenses o próximo 13 de xuño

Nesta sexta edición propón un percorrido de arredor de 450 quilómetros polo patrimonio natural e cultural da provincia con especial protagonismo para os Camiños Xacobeos

Lugo, 28 de maio de 2026

A Xunta de Galicia apoia a sexta edición da Ruta Castrexa de Mototurismo organizada pola Asociación Motorista Lucense, que se celebrará o 13 de xuño e discorrerá por 12 concellos da provincia. Os detalles da xornada déronse a coñecer hoxe nun acto que tivo lugar na Delegación Territorial de Lugo e no que participaron o delegado territorial, Javier Arias; José Aurelio Novoa, presidente da  entidade promotora, e José Canda, presidente da Federación Galega de Motociclismo, entre outros.

Na antesala do Xacobeo 2027, a ruta concede este ano especial protagonismo aos municipios dos Camiños Francés, Norte e Primitivo, que son unha ampla maioría no percorrido proposto; este suma arredor de 450 quilómetros e atravesa Lugo, Abadín, Trabada, Ribadeo, A Ribera de Piquín, Pastoriza, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Sarria e Portomarín.

Arias destacou o valor da iniciativa, que forma parte do Campionato Galego de Mototurismo e “suma deporte e cultura, contribuíndo á difusión do patrimonio natural e monumental da provincia”.

Dado que non se trata dunha carreira competitiva, deixa á elección de cada participante a elección do itinerario concreto polas estradas que máis lle conveñan; establécense unha vintena de puntos de control e está calculado para unha velocidade media de 50 quilómetros por hora. A saída terá lugar da praza da Mosqueira ás 10:00 da mañá e a hora límite de chegada ao Pazo de Feiras e Congresos será ás 20:00 horas. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da web do evento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2026