A Xunta participa nun foro sobre a execución dos Fondos FEDER e os seus retos en relación ao desenvolvemento territorial e a cohesión social
O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío Tobar, asiste ao Foro de Economía e Política Rexional que ten lugar en Pamplona
No Encontro abórdase a xestión do FEDER e o Fondo de Transición Xusta, así como propostas de mellora sobre a coordinación entre o Ministerio de Facenda e as Comunidades Autónomas para a mellora dos procesos de xestión
Pamplona (Navarra), 28 de maio de 2026
A Xunta participa nun foro para compartir avances, experiencias e retos vencellados á execución dos Fondos FEDER e poñer en valor o papel do financiamento europeo no desenvolvemento territorial, a cohesión e a transformación económica e social. O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, Ángel Tarrío Tobar, representa ao Goberno galego neste Foro de Economía e Política Rexional, que se celebra en Pamplona ata mañá, venres.
O Foro é un encontro institucional e técnico de referencia no que preto dun cento de expertos, representantes da Autoridade de Xestión do Ministerio de Facenda e dos organismos intermedios responsables da xestión de fondos europeos das Comunidades Autónomas, abordan cuestións relativas á xestión do FEDER e o Fondo de Transición Xusta do marco financeiro 2021-2027, aos programas de cooperación territorial e aos proxectos de desenvolvemento urbano.
Así mesmo, tamén se tratarán aspectos relacionados co papel estratéxico da comunicación e a coordinación entre as CC.AA. e a Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda para a mellora dos procesos de xestión.