Medio Rural apoia a innovación no sector primario a través do Centro Tecnolóxico da Carne
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou hoxe na presentación dos resultados provisionais das iniciativas de cinco grupos operativos, nas que se mobilizaron 745.000 euros
Os proxectos van desde a produción de trigo ecolóxico ata o desenvolvemento dunha liña de patés a partir de vexetais ecolóxicos, pasando pola revalorización do soro lácteo, de variedades autóctonas de chícharo ou de cortes secundarios de vacún maior
San Cibrao das Viñas (Ourense), 28 de maio de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, clausurou este mediodía a xornada Horizonte Agro 2026, innovación no territorio, que se desenvolveu no Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) e que se centrou na presentación dos resultados provisionais de cinco grupos operativos para o desenvolvemento de novos produtos con base en materias primas galegas. En todos eles, o CTC (adscrito a Medio Rural) actuou como axente de innovación involucrado tecnicamente e integrado nos grupos operativos, como centro de coñecemento para desenvolver as súas iniciativas.
Os proxectos foron financiados cunha achega total de preto de 745.000 euros ao abeiro das axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas (EIP-Agri), do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027. Estas subvencións, que xestiona a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) nun 80 %, pola Xunta, nun 14 %, e polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 6 %.
Detalle dos proxectos
En particular, nesta xornada presentáronse os proxectos dos grupos operativos Gotrisa Europa, Sueroval, Bueyloñesa, Guiprogal e Ecoproveg. O primeiro deles, cun orzamento que superou lixeiramente os 160.000 euros, centrouse na posta en produción de trigo sarraceno ecolóxico e revalorización mediante produtos novidosos e sen glute.
A iniciativa de Sueroval, beneficiaria dunha axuda de máis de 179.000 euros, serviu para a revalorización do soro lácteo co fin de obter un ingrediente natural de alto valor e desenvolvemento de nova gama alimentaria. O proxecto de Bueyloñesa (175.800 euros) levou por título Utilización e valorización de cortes secundarios de canais de vacún maior.
Pola súa banda, o grupo operativo denominado Guiprogal centrou o seu proxecto na recuperación e valorización de variedades autóctonas de chícharo proteaxinoso para a sustentabilidade alimentaria. Contou cunha achega de case 140.000 euros. Por último, Ecoproveg recibiu algo máis de 90.000 euros para o desenvolvemento dunha liña de patés e láminas a partir de vexetais ecolóxicos.
Vantaxes da I+D+i aplicada
A xornada de hoxe, que tivo lugar na sede do CTC en San Cibrao das Viñas, foi unha oportunidade para descubrir como a I+D+i aplicada contribúe ao desenvolvemento de novos produtos, á diferenciación do sector primario e á posta en valor dos recursos do territorio.
Precisamente, a innovación e a transferencia de coñecementos ao sector constitúen dous dos piares básicos do traballo da Consellería do Medio Rural, co fin de mellorar a súa competitividade e rendibilidade. Nisto se centra gran parte do labor que desenvolve a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, tal e como destacou neste acto o seu director, Martín Alemparte.