Mar analiza cos GALP o impacto dos 339 proxectos impulsados entre 2023 e 2025 e estuda novas fórmulas para facilitar a súa tramitación
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, reuniuse cos xerentes dos 8 Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro existentes en Galicia
Santiago de Compostela, 29 de maio do 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, reuniuse cos xerentes dos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) para avaliar o impacto das axudas da Consellería do Mar para desenvolver as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do período 2023-2025.
Nas tres primeiras convocatorias aprobáronse 339 proxectos, cun investimento global próximo aos 46 millóns de euros, dos que arredor de 25 millóns corresponden a financiamento público, achegado pola Xunta e a Unión Europea, e 21 millóns a fondos privados. As iniciativas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) 2021-2027, permitiron o desenvolvemento das comunidades costeiras galegas e favoreceron a atracción de investimento privado ao sector. Destacan as 166 que son específicas de pesca, especialmente vinculadas á cadea de valor do mar, así como á valorización dos produtos e á diversificación económica do litoral.
Durante a reunión tamén se analizaron fórmulas para facilitar a presentación e o desenvolvemento dos proxectos impulsados ao abeiro destas axudas. O impacto socioeconómico acumulado da actividade dos Galp en dito período estímase en máis de 93,5 millóns de euros e supuxeron a creación de máis de 200 empregos directos, ademais de manter outros 588 postos de traballo.