O presidente da Xunta participou no acto de clausura da asemblea do Clúster da Automoción e da Mobilidade de Galicia (CEAGA)

Rueda anuncia unha nova liña de axudas para a automoción dotada con 45 M€ para apoiar ao sector na transición cara o vehículo eléctrico

Recorda que estes apoios, xunto cos 50 millóns extraordinarios que se habilitaron o ano pasado, englóbanse no Plan director, que conta cun orzamento global de 230 millóns de euros

Reivindica o bo momento das empresas galegas deste ámbito, que representan o 15,5% do PIB galego e xeran case 24.000 empregos

Reclama unha implantación realista do vehículo eléctrico e un maior compromiso do Goberno central cun sector clave para a economía galega

Vigo, 29 de maio de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe unha nova liña de axudas destinada á automoción e dotada con 45 millóns de euros. Esta convocatoria, que se fará efectiva previsiblemente en verán, irá dirixida a apoiar ao sector na transición cara o vehículo eléctrico e a descarbonización.

Así o adiantou este mediodía durante a súa participación no acto de clausura da asemblea do Clúster da Automoción e da Mobilidade de Galicia (CEAGA), no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.

O titular do Executivo galego inscribiu esta nova convocatoria no apoio decidido da Administración autonómica a un sector clave que é “unha parte moi importante da nosa economía” e que, ademais, está vivindo un gran momento “nun mundo competitivo”. Segundo sinalou, actualmente a automoción representa o 15,5% do PIB galego, xera case 24.000 empregos e representa o 30% das exportacións autonómicas.

Na súa intervención, recordou outros apoios que veu habilitando a Xunta como o Plan extraordinario de apoio á descarbonización e transición ao vehículo eléctrico, que se habilitou o ano pasado con 50 M€. Ademais, o Goberno galego asinou tamén con CEAGA a posta en marcha do Plan de acompañamento e diversificación para ás empresas que se atopan en dificultades polo tránsito ao vehículo eléctrico. Tal e como subliñou o presidente, todos estes apoios englóbanse no marco do Plan director da automoción que conta cun orzamento global de 230 millóns de euros.

Novas oportunidades

Rueda considerou que é necesaria a implicación do resto de administracións, porque é tamén preciso un marco regulatorio estable e unha planificación realista na implantación do vehículo eléctrico. Ao Goberno central reclamoulle un maior compromiso con este sector, afirmando que “os fondos europeos son unha oportunidade que nunca debemos deixar pasar”.

O mandatario galego afirmou que Galicia é “un lugar no que paga a pena apostar e seguir medrando” e garantiu o seu compromiso por manter a boa saúde dun sector que é referente en España e en Europa, capaz de atraer novos investimentos “movéndonos con rapidez, intelixencia e eficiencia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2026