Martina Aneiros destaca a calidade dos produtos de proximidade no marco do programa de reparto de leite e froita fresca nas escolas

A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou esta mañá o CEIP de Pazos Mestre García Niebla, beneficiario deste programa

Esta convocatoria da Consellería do Medio Rural contou este curso cun orzamento superior ao millón de euros

Ferrol, 1 de xuño de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o CEIP de Pazos Mestre García Niebla, un dos centros educativos de Ferrolterra beneficiarios este curso do programa da Consellería do Medio Rural de distribución de leite, froita fresca e castañas nas escolas. A visita coincidiu co reparto de leite no recreo aos alumnos do centro.

A través desta liña de subvencións, o Goberno galego pretende potenciar o consumo de froita e leite entre os nenos e mozos, cubrindo a alumnos dende Educación Infantil ata Bacharelato e FP de grao medio, e fomentar a creación de hábitos alimenticios saudables que poidan manter ao longo da súa vida. “Con estas accións, ademais de enxalzar as merendas saudables, facemos fincapé na calidade dos nosos produtos de proximidade, claves para unha alimentación saudable e sustentable”, destacou Aneiros.

A delegada territorial destacou que a convocatoria destas axudas para o curso 2025-2026 beneficia na zona en torno a 3.500 alumnos de 15 centros, nos que se repartiran preto 11.800 kilos de froita e máis de 1.100 litros de leite.

Esta orde de subvencións contou este curso cun orzamento superior ao millón de euros para toda Galicia e está cofinanciada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (FEAGA).

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2026