O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a secretaria xeral técnica, Natalia Lobato, presentaron esta iniciativa que se desenvolverá en medios de comunicación e redes sociais a partir de mañá
A Xunta presenta a campaña ‘Protexamos o que nos protexe’ apelando á responsabilidade colectiva para preservar e engrandecer a sanidade pública galega
O obxectivo é poñer en valor o sistema sanitario público e promover o uso responsable dos seus servizos
En 2025 o Servizo Galego de Saúde rexistrou máis de 1,1 millóns de consultas nas que os pacientes non acudiron ás súas citas nin as anularon previamente
A campaña dá resposta á demanda de diversos colectivos profesionais e está recollida nos acordos acadados cos representantes dos traballadores
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a secretaria xeral técnica, Natalia Lobato, presentaron esta mañá a nova campaña de uso responsable dos servizos sanitarios, coa que a Xunta apela á responsabilidade colectiva para preservar e engrandecer o sistema sanitario público galego.
Baixo o lema Protexamos o que nos protexe, a campaña arrancará mañá mesmo en medios de comunicación e nas redes sociais e vai dirixida tanto á poboación xeral como ao conxunto dos profesionais sanitarios. Así, o seu obxectivo principal será promover hábitos que favorezan un mellor funcionamento do sistema sanitario, para poder gañar en eficacia e eficiencia.
Durante a presentación, o responsable da Sanidade galega trasladou os datos sobre o impacto que ten o non acudir as citas médicas ou non anulalas con antelación.
Apuntou que durante o ano 2025, os servizos de atención primaria do Servizo Galego de Saúde rexistraron un total de 864.000 consultas ás que os pacientes non acudiron á súa (3,2 %), mentres que en atención hospitalaria un total de 248.000 pacientes non asistiron ás súas citas co especialista (5,69 %). No seu conxunto, o Servizo Galego de Saúde rexistrou o pasado ano máis de 1,1 millóns de consultas con absentismo dos usuarios.
Gómez Caamaño subliñou que “pequenas accións individuais poden xerar un impacto moi positivo no conxunto do sistema” e lembrou que, malia non ser unha situación exclusiva de Galicia nin de España, co compromiso de todos pódense evitar estas situacións que prexudican a organización do traballo e poden atrasan a atención doutros cidadáns.
Canles e mensaxes da campaña
A campaña informativa Protexamos o que nos protexe conta con material gráfico, spot televisivo, cuña de radio e material audiovisual destinado ás redes sociais.
A nova iniciativa emprega mensaxes en positivo para concienciar sobre un uso responsable do sistema sanitario: se acudimos a urxencias só cando é necesario, axudamos aos que máis o precisan ou Se anulas unha cita á que non podes acudir, axudas a que outra persoa sexa atendida antes.
Xunto co anterior, a campaña inclúe un lema motivador Todos a unha!, co que se apela directamente á concienciación e á colaboración cidadá para acadar un uso responsable dos servizos sanitarios.
Segundo indicou o conselleiro, a campaña dá resposta a unha demanda trasladada por diversos colectivos profesionais e que quedou recollida nos acordos acadados nos últimos tempos cos representantes dos traballadores. A Consellería de Sanidade tamén puxo en coñecemento dos Colexios Oficiais de Médicos de Galicia a posta en marcha desta iniciativa divulgativa.