A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, asinou esta tarde o acordo co alcalde Julio Iglesias Redondo

O Fondo de Cooperación da Xunta colabora co Concello de Ares na remodelación e acondicionamento dunha marquesiña en Porta do Sol

Finánciase a remodelación e modernización da estrutura a través dun préstamo de preto de 40.000 €, a través deste fondo dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes

O prazo para que os concellos poidan solicitar este préstamo sen xuros mantense aberto ata o 15 de outubro

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2026

A Xunta coopera co Concello de Ares na remodelación e acondicionamento dunha marquesiña de transporte público situada na Porta do Sol, con propósito de modernizar a infraestrutura e mellorar a accesibilidade.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, asinou esta tarde co alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, un convenio para o financiamento desta intervención para transformar a actual marquesiña.

Trátase da concesión dun préstamo, sen xuros, de 39.884,83 € proporcionado polo Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes.

O convenio firmado hoxe en San Caetano no marco deste fondo, ten como propósito modernizar a infraestrutura para mellorar a accesibilidade, aumentar a seguridade cidadá e actualizar a imaxe estética do mobiliario urbano. A través dela, o Concello busca mellorar substancialmente a experiencia do usuario do transporte público e a paisaxe urbana de Ares.

Esta intervención desenvolverase mediante esta iniciativa da Xunta que está destinada a financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, dotado con algo máis de 3M€. Trátase de préstamos sen xuros que os concellos poden devolver no prazo máximo de 8 anos.

Este préstamo ao Concello de Ares correspóndese á convocatoria 2025 desta liña de achegas, que estará aberta ata o vindeiro 15 de outubro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2026