A Xunta avalía con Marine Instruments novas vías de colaboración tecnolóxica para avanzar nunha pesca máis eficiente e sostible
Santiago de Compostela, 3 de xuño do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola secretaria xeral técnica, Marta Barreiro, mantivo un encontro con responsables da firma tecnolóxica Marine Instruments, encabezados polo seu director xeral, Gabriel Gómez Celaya. A xuntanza serviu como continuación á visita institucional realizada o pasado setembro ás instalacións da empresa en Nigrán, co obxectivo prioritario de analizar de maneira conxunta o desenvolvemento e aplicación de solucións avanzadas de alto rendemento que repercutan na eficiencia do sector pesqueiro galego.
Durante a reunión, puxéronse sobre a mesa as últimas innovacións da compañía pontevedresa —recoñecida co Premio Nacional de Innovación— no eido das boias satélite con intelixencia artificial, drons para a detección de bancos e sistemas de alimentación intelixente en acuicultura. Villaverde destacou o orgullo que supón para Galicia contar cunha firma punteira global que destina máis do 45 % do seu equipo humano á I+D+i, e aliñou este potencial con retos como a competitividade do sector, o aforro de combustible ou a protección do medio mariño.