O titular de Sanidade destacou no Parlamento de Galicia as oposicións de acceso a 69 novas prazas de enfermería especialista en obstetricia e xinecoloxía como mostra do compromiso do Servizo Galego de Saúde co impulso desta categoría profesional

Gómez Caamaño subliña a aposta da Xunta por reforzar o papel das matronas como axentes claves para o coidado da saúde feminina desde a atención primaria

Resalta os novos programas de saúde menstrual que a Xunta está a impulsar co liderado das matronas de atención primaria

Lembra a súa participacións en etapas máis aló do embarazo e parto, como a lactación materna, a menopausa, a educación afectivo-sexual ou o coidado do solo pelviano

Explica que a cobertura do servizo de matrona nos centros de saúde de Cerdedo, Carballedo e Forcarei foi ampliada nos últimos anos

Subliña que a reorganización asistencial establecida ante a ausencia xustificada da profesional titular permite garantir a atención ás mulleres con toda a carteira de servizos da matrona

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe no Parlamento galego o reforzo que a Xunta está a facer no protagonismo das funcións de todas as categorías profesionais de atención primaria e, en particular, das matronas dos centros de saúde, que actúan como axentes clave no coidado da saúde das mulleres.

Gómez Caamaño mencionou que o Goberno galego está a impulsar novos programas de saúde menstrual liderados por estas especialistas. Neste sentido, incidiu en que na actualidade o labor das matronas non se centra exclusivamente no embarazo e no parto. “O seu papel é moito máis amplo e abrangue todo o ciclo vital das mulleres”, subliñou.

Así, citou o seu traballo na atención preconcepcional e no posparto, na promoción da lactación materna, na educación afectivo-sexual, na prevención e detección precoz de enfermidades, na atención ao solo pelviano ou na menopausa.

Nesa liña, o titular de Sanidade destacou a recente celebración das probas das oposicións de acceso a 69 novas prazas de enfermería especialista en obstetricia e xinecoloxía como mostra do compromiso do Servizo Galego de Saúde co impulso desta categoría profesional.

Ademais, o conselleiro aclarou como se está a cubrir o servizo de matrona nos centros de saúde de Cerdedo, Carballedo e Forcarei ante a ausencia xustificada da titular da praza de matrona.

A Xunta reforzou a atención ás mulleres de Cerdedo-Cotobade e Forcarei coa cobertura dunha praza desde 2024 e cubriu a ausencia mediante unha substitución e prolongacións de xornada voluntarias realizadas por profesionais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés no centro de saúde de Tenorio. Polo tanto, as mulleres dos centros de saúde de Carballedo e Cerdedo teñen acceso ao servizo de matrona sen saír do seu propio concello.

Gómez Caamaño puntualizou que o servizo se presta dúas veces á semana, con actividade asistencial individual e actividades grupais de preparación ao parto, e non dúas veces o mes como se trasladou na pregunta parlamentaria presentada no Pazo do Hórreo.

Por iso, o conselleiro de Sanidade repetiu o compromiso do Goberno galego de seguir a reforzar a atención primaria, potenciar o papel das matronas e seguir garantindo a asistencia sanitaria pública para todas as mulleres, vivan onde vivan.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2026