Así o sinalou o conselleiro de Sanidade no Pleno do Parlamento de Galicia
Gómez Caamaño lamenta a nova “chapuza” do Ministerio de Sanidade cunha reforma unilateral do copago farmacéutico que aínda non se pode aplicar plenamente e que custará 20 M€ ao ano a Galicia
Refírese á falta de consenso en torno á medida, sobre a que non se acordou coas comunidades previamente a data de implantación nin o seu impacto económico
Denuncia o proceder reiterado do Ministerio de adoptar decisións unilaterais que acaban repercutindo directamente nas comunidades e nos pacientes
Incide no desafío que representa a prestación farmacéutica ambulatoria para as comunidades e lembra que Galicia ten orzamentados para este ano preto de 1.000 millóns de euros para gasto en receitas
Remarca que a falta de diálogo cos facultativos por parte do Ministerio en relación ao Estatuto Marco vai por cinco meses de mobilizacións que xa cancelaron 245.000 actos asistenciais na comunidade galega
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, lamentou hoxe no Parlamento a nova “chapuza” do Ministerio de Sanidade cunha reforma unilateral do copago farmacéutico que, pese a estar aprobada, aínda non se pode aplicar plenamente porque o Ministerio non estableceu a poboación á que lle corresponde cada tramo. Denunciou, así mesmo, a falta de acordo coas comunidades autónomas sobre o financiamento desta reforma que custará 20 M€ ao ano a Galicia.
O titular de Sanidade lamentou, no Pazo do Hórreo, que esta reforma con implicacións técnicas, económicas e organizativas tan importantes se leve a cabo sen o financiamento correspondente, sen consenso, sen planificación, sen respecto institucional e sen diálogo coas comunidades autónomas.
Tal e como detallou Gómez Caamaño, Galicia e o resto de comunidades estaban traballando, xunto co Ministerio de Sanidade, na Comisión Permanente de Farmacia para abordar unha reforma consensuada do sistema de copago e, nese foro, estábanse a buscar acordos entre todos para fixar, tanto o contido da reforma como o seu proceso de implantación.
Gómez Caamaño indicou que, sen previo aviso, o Goberno central decidiu modificar, mediante Real Decreto Lei, o sistema estatal de copago farmacéutico, desprezando o papel das comunidades, que son as que sosteñen e xestionan a asistencia sanitaria pública.
Tamén referiu que adoptar decisións unilaterais que acaban repercutindo directamente nas comunidades autónomas e nos pacientes é unha dinámica que se está a converter en habitual no Ministerio de Sanidade, unha deslealdade e falta de colaboración que lle está pasando factura á sanidade pública.
Gómez Caamaño referiuse ao desafío que representa a prestación farmacéutica ambulatoria para as comunidades autónomas. Ao respecto, sinalou que Galicia ten orzamentados para este ano preto de 1.000 millóns de euros para o gasto en receitas, por iso se amosou sorprendido de que unha medida de tanto calado se leve a cabo sen acordar previamente a data da súa implantación nin o seu impacto económico.
Impacto das folgas
O proceder do Ministerio de Sanidade de anunciar medidas, aprobar normas ou presentar reformas sen contar coas comunidades autónomas é, para Gómez Caamaño, unha dinámica constante, como se está a ver nas reiteradas folgas contra o Estatuto Marco do Goberno central.
Ao respecto, o conselleiro dixo que, en cinco meses, esas mobilizacións levan cancelados 245.000 actos asistenciais en Galicia, claro exemplo de que as consecuencias deses paros as pagan os pacientes e as comunidades autónomas que xestionan a sanidade pública.
Gómez Caamaño incidiu en que Galicia seguirá a actuar con responsabilidade, a planificar con rigor e a defender os intereses dos pacientes galegos, garantindo que as decisións que afectan á sanidade pública se adopten con seriedade, con previsión e pensando sempre na cidadanía.