Medio Rural reforza a formación sobre o uso da aplicación informática XESBIO2, empregada na inspección das faixas secundarias

A xornada estivo orientada a técnicos e axentes, que utilizarán tamén esta ferramenta para facilitar así o tratamento de datos de xeito conxunto, tanto desde a Consellería, como mediante Seaga e os propios concellos

XESBIO2 serve de apoio para as inspeccións de fincas, permitindo rexistrar actuacións sobre o terreo ou incorporar información xeográfica e fotográfica

A iniciativa desenvolveuse no marco do convenio que a Consellería mantén coa empresa pública Seaga, que conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros, o dobre que o ano anterior

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026

A Consellería do Medio Rural vén de organizar unha xornada de formación centrada no manexo da aplicación informática XESBIO2, unha ferramenta empregada na realización de inspeccións relacionadas coa xestión da biomasa nas faixas secundarias. Esta acción estivo dirixida a técnicos e axentes forestais de toda Galicia, que empregarán tamén esta ferramenta, o que favorecerá o tratamento de datos de xeito conxunto por parte da Consellería, de Seaga e dos concellos.

Ata agora, a plataforma era utilizada pola empresa pública Seaga e polos municipios no marco do convenio de colaboración para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, aquelas máis próximas ás vivendas. Na mesma liña, a ferramenta traballa a prol da consolidación do sistema público de xestión de biomasa nestas zonas, favorecendo unha coordinación máis eficaz entre administracións e servizos operativos. Así, a súa utilidade responde á principal motivación do convenio de proporcionar axuda aos concellos para inspeccións e notificacións aos titulares das fincas, unha das accións contempladas para os municipios adheridos no acordo.

XESBIO2 permite aos equipos técnicos e de inspección rexistrar actuacións sobre o terreo, incorporar información xeográfica e fotográfica, identificar parcelas afectadas e facer seguimento dos expedientes de requirimento e cumprimento das obrigas legais. Cómpre lembrar que os particulares tiñan de prazo ata o 31 de maio para xestionar a limpeza das súas fincas en faixas. A partir desta data é cando comezan as inspeccións.

Convenio para a xestión da biomasa

O principal obxectivo do convenio entre Medio Rural e Seaga, posto en marcha en 2018, é dar apoio a concellos no cumprimento das súas obrigas en relación coa prevención e defensa fonte ao lume nestas franxas próximas ás vivendas. A finais de 2025 asinouse o novo convenio, con vixencia ata 2029, que conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros, o dobre que o ano anterior.

A maiores das accións xa contempladas no acordo anterior, como novidade refórzase o apoio a aqueles concellos que contan con menos de 10.000 habitantes, así como a particulares. Ademais, promóvese a realización, de xeito áxil, das execucións subsidiarias en zonas de risco de incendio nas que os titulares non cumpran coas súas obrigas legais. Tamén se incrementou o número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276, nas que os particulares teñen a opción de contratar directamente a Seaga para realizar rozas preventivas polo importe de 420 euros por hectárea.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2026