A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse hoxe con representantes de entidade
A Xunta pon en valor a colaboración da Asociación de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos na recollida de residuos de aparatos eléctricos
Ángeles Vázquez salienta a importancia dunha correcta xestión destes residuos para avanzar cara a un modelo de economía circular
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor a colaboración da Asociación de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos (ADEN) na recollida de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE).
Durante unha reunión que mantivo esta mañá co presidente de ADEN, Wilson Fernández, e a responsable de Medio Ambiente da entidade, Paula Paz, a conselleira salientou o labor que realizan estes establecementos para mellorar os datos de recollida destes residuos en toda a Comunidade, o que é fundamental para reducir o impacto ambiental destes refugallos ao facilitar unha maior preparación para a recuperación. Ademais, Ángeles Vázquez tamén subliñou o seu papel para promover a sensibilización da cidadanía en prácticas sostibles.
Nese senso, a conselleira, que estivo acompañada da directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, incidiu en que o fomento da recollida dos RAEE é unha das liñas estratéxicas da Xunta en materia de refugallos. De feito, a Lei de residuos e solos contaminados de Galicia incorpora os mecanismos de intervención e control necesarios para garantir unha adecuada xestión dos refugallos ante a realidade global do cambio climático e a necesidade de avanzar cara a un modelo de economía circular.