O conselleiro de Ciencia participa na presentación deste proxecto liderado por Mabel Loza no que Universidade e empresa unen esforzos para impulsar a biotecnoloxía

A Xunta impulsa con 1 M€ á unidade mixta entre o CiMUS e SunRock Biopharma que acelerará novos medicamentos biolóxicos en oncoloxía ou inflamación

Permitirá realizar en Galicia todas as etapas do proceso preclínico para a obtención de novas terapias, acortando os tempos para chegar ao paciente

Román Rodríguez destaca que dotará “á Galicia Calidade dunha capacidade única para transformar resultados e reforzar a competitividade científica e empresarial”

A iniciativa presentada hoxe é unha das dez novas unidades mixtas de investigación apoiadas pola Consellería de Ciencia cun investimento de 11 M€ ata o ano 2028

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2026

A Xunta impulsa con máis de 1 M€ á nova unidade mixta de investigación entre a Universidade de Santiago e a compañía biotecnolóxica SunRock Biopharma, que servirá para acelerar novos medicamentos biolóxicos en oncoloxía ou inflamación. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de presentación da iniciativa xunto á vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da USC, Almudena Hospido; a directora científica do CiMUS (Centro singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas), Mabel Loza, e o CEO de Sunrock Biopharma, Laureano Simón.

Este traballo investigador conxunto, no que participa tamén o Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA), permitirá realizar en Galicia todas as etapas do proceso preclínico de desenvolvemento de novos fármacos biolóxicos, proceso necesario antes de pasar aos ensaios clínicos. En opinión do conselleiro, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, “é un gran paso adiante na aposta que se está a facer na Galicia Calidade pola I+G+i, é dicir, pola investigación e innovación con selo galego como sinal de identidade da nosa Comunidade".

“Esta unidade mixta permitirá que Galicia dispoña dunha capacidade única para transformar resultados de investigación en novos medicamentos biolóxicos con potencial de chegar aos pacientes, reforzando ao mesmo tempo a competitividade científica, sanitaria e empresarial da Comunidade”, expresou o conselleiro, quen engadiu que converter o talento en valor e o coñecemento en progreso “axudará a fortalecer o ecosistema investigador e repercutirá no benestar e no desenvolvemento do país”.

Obxectivos do proxecto

Un dos obxectivos da nova unidade mixta, que se basea no coñecemento científico da USC e a experiencia empresarial da compañía Sun Rock Biopharma para o desenvolvemento preclínico de terapias biolóxicas seguindo un modelo de innovación aberta, é axilizar o proceso de validación inicial dos fármacos para acortar o tempo no que as novas opción terapéuticas están dispoñibles para os pacientes. As novas terapias centraranse en enfermidades con elevada necesidade médica non cuberta, especialmente determinados tipos de cancro e enfermidades inflamatorias inmunomediadas, como a enfermidade inflamatoria intestinal ou a artrite reumatoide.

Román Rodríguez destacou a importancia das unidades mixtas de investigación “porque contribúen a fortalecer e modernizar o tecido produtivo mediante o financiamento de novas solucións innovadoras con impacto real en sectores claves da nosa economía”. E lembrou que o CiMUS é un dos mellores centros de investigación de Galicia, polo que forma parte da Rede CIGUS creada pola Xunta e ten o selo estatal María de Maeztu.

Máis apoio ás unidades mixtas

Esta unidade mixta é unha das sete de nova creación apoiadas pola Xunta na última convocatoria. En total, o Goberno galego destina 11 M€ ás 10 unidades mixtas que reciben financiamento: sete novas, unha de consolidación e dous centros mixtos. O apoio do Goberno galego a estas unións entre  universidades, centros de investigación e empresas amplíase en 2 M€ respecto da anterior convocatoria. En total, agárdase unha mobilización de capital público-privado de 27,6 M€ e 63 novos postos de traballo.

USC-Sunrock, que supón un investimento de 2,7 M€, é unha das unidades mixtas de nova creación en saúde e a biotecnoloxía, un dos ámbitos prioritarios do Plan galego de investigación e innovación 25-27 da Xunta. As demais unidades da última convocatoria pertencen aos campos da alimentación, enerxía, automoción, acuicultura e TIC.

Desde 2014, a Xunta apoiou 64 unidades mixtas (46 novas, 13 de consolidación e cinco centros mixtos de investigación) e creáronse 364 postos de traballo. En conxunto, participaron 52 empresas e 16 centros de coñecemento, mobilizando máis de 180 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2026