O titular de Sanidade participou nos actos conmemorativos do XV aniversario do Complexo Hospitalario Universitario de Lugo

Gómez Caamaño destaca a carácter transformador do Lucus Augusti, que marca o paso con proxectos pioneiros como a primeira Neuroescola de Galicia ou a Oncoloxía domiciliaria

Cun investimento que superou os 300 millóns de euros, o centro hospitalario consolidouse como unha "cidade da saúde" con preto de 3.700 profesionais

Desde o ano 2010, o hospital lucense rexistrou máis de 6 millóns de consultas, preto de 20.000 nacementos e 257.000 intervencións cirúrxicas

Durante estes 15 anos, o Complexo Hospitalario Universitario de Lugo foi incorporando servizos como a Radioterapia ou a Medicina Nuclear, e tamén novo equipamento, como é o caso da cirurxía robótica

Lugo, 4 de xuño de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá nos actos conmemorativos do XV Aniversario do Hospital Universitario Lucus Augusti, un complexo sanitario do que destacou o seu carácter transformador e de vangarda dentro do sistema sanitario galego.

Acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e pola alcaldesa de Lugo, Elena Candia, o titular de Sanidade cualificou ao HULA como un dos "buques insignia" da comunidade e puxo en valor, entre outros fitos, o feito de que dispón da primeira Neuroescola de Galicia ou dun programa de Oncoloxía domiciliaria.

Durante a súa intervención, Goméz Caamaño salientou que tras un investimento de 300 millóns de euros, o HULA converteuse nunha auténtica “cidade da saúde” pola que pasan diariamente preto de 5.000 persoas. 

Segundo explicou, desde o ano 2010, o Hospital Lucus Augusti rexistrou preto de 20.000 nacementos, máis de 6 millóns de consultas, 357.000 ingresos e 257.000 intervencións cirúrxicas.

O responsable autonómico incidiu en que o verdadeiro motor do hospital son os preto de 3.700 profesionais que desenvolven o seu labor no centro, destacando a súa entrega e esforzo por achegar unha atención eficiente e de calidade. 

Ao longo destes 15 anos, o Complexo Hospitalario Universitario de Lugo converteuse nun centro sanitario de referencia deseñado para afrontar os retos de futuro. Neste senso, foi incorporando servizos esenciais como a radioterapia ou a medicina nuclear, e tamén se dotou de novo equipamento e tecnoloxía avanzada, como é o caso de cirurxía robótica, no ano 2021.

O conselleiro remarcou que o HULA mira con ambición cara ao futuro en todos os ámbitos sanitarios: asistencia, docencia e investigación.

Pechou a súa intervención agradecendo e felicitando aos milleiros de persoas que ao longo destes quince anos construíron un hospital que é “motivo de orgullo para Lugo e  para toda Galicia".

Data de actualización: 04/06/2026