Manuel Pardo agradace a ‘Aspamadis’ o seu traballo a prol da empregabilidade das persoas con discapacidade
Manuel Pardo louvou o obxectivo de empresas como Aspamadis na procura de actividades susceptibles de ser desenvolvidas por persoas con discapacidade intelectual, no marco dun Centro Especial de Emprego, co obxectivo de promover a formación, a integración laboral e a normalización social
O representante do Goberno galego significou que Aspamadis vén desenvolvendo traballos en distintas dependencias da Xunta como o mantemento de zonas axardinadas no CIFP Santa María de Europa no Centro de Formación de Valverde, en Allariz, e no Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros
O delegado territorial explicou que os traballos que executan estes dous traballadores, máis un de apoio, nunha xornada semanal de 5 horas consiste no recorte e poda de arbustos e sebes, sega, escarda, aireación e escarificado, resementa, rastrillado, na eliminación de malas herbas e no abonado dos terreos cando sexa necesario
Ourense, 4 de xuño de 2026
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, achegouse esta mañá, acompañado do presidente de Aspamadis, Manuel Marín, ao IES Universidade Laboral, na cidade de Ourense, para supervisar os traballos de rozas, limpeza e xestión da biomasa que persoal desta asociación están a desenvolver.
O delegado territorial explicou que os traballos que executan estes dous traballadores, máis un de apoio, nunha xornada semanal de 5 horas consiste no recorte e poda de arbustos e sebes, sega, escarda, aireación e escarificado, resementa, rastrillado, na eliminación de malas herbas e no abonado dos terreos cando sexa necesario.
Manuel Pardo louvou o obxectivo de empresas como Aspamadis na procura de actividades susceptibles de ser desenvolvidas por persoas con discapacidade intelectual, no marco dun Centro Especial de Emprego, co obxectivo de promover a formación, a integración laboral e a normalización social.
O representante do Goberno galego significou que Aspamadis vén desenvolvendo traballos en distintas dependencias da Xunta como o mantemento de zonas axardinadas no CIFP Santa María de Europa no Centro de Formación de Valverde, en Allariz, e no Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros.
Así mesmo, destacou o delegado territorial o papel da economía social como motor de transformación cara a unha sociedade máis inclusiva e subliñou o apoio da Xunta a estas iniciativas, mediante programas de inserción laboral, incentivos ás empresas e formación adaptada para persoas con discapacidade. Reiterou, ademais, o compromiso do Goberno autonómico de seguir promovendo o emprego inclusivo e fortalecendo o labor dos centros especiais de emprego, que xunto coas empresas de inserción, recibiron un apoio autonómico de 33,7 M€ en 2025.
Manuel Pardo puxo de relevo o papel esencial dos centros especiais de emprego como ferramenta clave para a inserción laboral das persoas con discapacidade e para a construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva. Así mesmo, destacou o compromiso da Xunta de Galicia co impulso da economía social e co apoio a un modelo que xera emprego de calidade, cohesión social e equilibrio territorial; polo que animou ao presidente da entidade a seguir traballando pola inclusión e o desenvolvemento individual das persoas con necesidades especiais e aproveitou a xuntanza para agradecer o labor que a entidade está a levar a cabo en Ourense.