María José Gómez destaca a execución nun 99,3% de fondos do programa de desenvolvemento rural, por riba da media nacional e europea

Salientou que este programa mobilizou máis de 1.600 millóns de euros de investimento público no rural galego

Subliñou que detrás desta planificación hai proxectos reais, explotacións máis competitivas, empresas que incorporaron innovación e tecnoloxía, mellores servizos no rural e máis emprego e dinamismo económico

Agradeceu a todos os axentes do rural galego o seu compromiso na aplicación dun plan co que “o rural galego respondeu” diante das dificultades que se presentaron no período

Insistiu en reclamar unha PAC a partir de 2027 adaptada á realidade galega e advertiu que son precisos máis recursos para o medio rural, menos burocracia e a garantía de que os fondos de desenvolvemento rural manteñan o seu peso e a súa importancia estratéxica

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe que o Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2022, que tivo aplicación ata 2025, mobilizou máis de 1.600 millóns de euros de investimento público e acadou unha execución do 99,3 %, por riba da media española e europea. Foi no acto de peche formal do PDR, que tivo lugar en Santiago de Compostela e no que a conselleira estivo acompañada dos altos cargos do seu departamento. Na súa intervención, Gómez subliñou que detrás destes datos hai proxectos reais; explotacións mellor preparadas para competir; empresas que incorporaron innovación e tecnoloxía; servizos no rural que melloraron; emprego e actividade económica; e persoas que decidiron quedar e desenvolver no rural o seu proxecto de vida.

Por iso, a conselleira agradeceu a todos os axentes do rural galego o seu compromiso na aplicación dun plan co que “o rural galego respondeu” diante das dificultades que se presentaron no período, desde a pandemia ata a incerteza derivada da guerra de Ucraína, pasando pola crise de custos ou os cambios profundos na Política Agraria Común. Foi unha tarefa de todos, feita “con traballo, con capacidade de adaptación e tamén cun enorme sentido da responsabilidade”, aseverou.

Recoñecemento colectivo

Así, Gómez quixo trasladar un recoñecemento explícito e colectivo ás explotacións, á xente nova, ás cooperativas, ás comunidades de montes, ás industrias agroalimentarias, aos grupos Leader e a todo o persoal técnico implicado, que fixo que este programa “chegase ao territorio”. Abundando nas cifras do PDR, a conselleira engadiu que grazas a el máis de 3.400 explotacións agrícolas recibiron apoio para investimentos en modernización e reestruturación; preto de 2.400 mozos e mozas tiveron axuda para incorporarse ao agro; impulsáronse centos de proxectos de transformación agroalimentaria e cooperación e, a través do Leader e doutras iniciativas, xeráronse máis de 1.500 empregos no rural galego. Asemade, segundo explicou Gómez, Galicia soubo orientar unha parte importante de recursos cara a obxectivos que hoxe son fundamentais, como son a sustentabilidade, a conservación ambiental, a xestión responsable do territorio ou a loita contra o cambio climático.

Retos e motivos para a confianza no futuro

Mirando cara o futuro, a conselleira sinalou que a nosa comunidade afronta desafíos moi importantes, como son a remuda xeracional, a rendibilidade das explotacións, a ordenación do territorio ou a necesidade de seguir xerando oportunidades para que vivir e traballar no rural sexa unha opción atractiva para as novas xeracións.

Ao tempo, puxo en valor os “motivos para a confianza”, como son o feito de ter un sector agroalimentario cada vez máis profesionalizado, innovador e competitivo ou o de contar con produtos recoñecidos pola súa calidade. Ademais, salientou o enorme potencial forestal de Galicia e, como elemento clave, “dispor de persoas con capacidade, experiencia e compromiso co territorio”. Tamén en relación co inmediato futuro, Gómez insistiu en que Galicia “seguirá reclamando unha PAC que entenda a nosa realidade” e, nesta liña, advertiu que “necesitamos máis recursos para o medio rural, menos burocracia e a garantía de que os fondos de desenvolvemento rural manteñan o seu peso e a súa importancia estratéxica”.

Participación de axentes de desenvolvemento rural

O acto de peche do PDR de Galicia contou coa participación de diferentes axentes relacionados co desenvolvemento rural en Galicia. Así, tras a inauguración a cargo da conselleira, proxectáronse varios vídeos ilustrativos sobre o programa e celebráronse dúas mesas redondas, que estiveron precedidas de cadansúa conversa co director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez.

A primeira das mesas redondas, sobre o impacto do PDR no sector produtivo, contou coa participación de Adolfo Picáns, director financeiro de Granbazán; Daniel Rodríguez, director económico da Asociación Forestal de Galicia; e Laura Seoane, socia da gandaría Ugasma S.L. A segunda mesa versou sobre os proxectos que transforman o rural galego e nela tomaron parte Carmen Calderón, responsable de programas de desenvolvemento rural para Galicia, DG Agri, Comisión Europea; Domingo Lojo, xerente da Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes; Lorena Collazos, co-propietaria de Pallozas Ridicodias; e Manuel Arias, propietario da Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Seixas-Xeou! O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, foi o encargado da clausura institucional do acto.

 

Data de actualización: 04/06/2026