A Xunta destaca en Vilagarcía a I+G+i con selo galego para facer fronte aos retos da transición enerxética
A directora da Axencia Galega de Innovación participa no congreso ‘Galicia4Energy: simposio sobre materiais para o almacenamento e a conversión enerxética’
Vilagarcía de Arousa, 4 de xuño de 2026
A Xunta destacou hoxe desde Vilagarcía de Arousa o potencial da investigación e innovación desenvoltas en Galicia, a denominada I+G+i, para facer fronte aos retos da transición enerxética. De feito, sete proxectos galegos con axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) céntranse nas novas tecnoloxías para o almacenamento e a conversión de enerxía. Así o resaltou a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, quen participou na apertura do congreso Galicia4Energy: simposio sobre materiais para o almacenamento e a conversión enerxética, organizado por Manuel Souto, investigador Oportunius do CIQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC).
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP subliñou a importancia do coñecemento científico e a innovación tecnolóxica para solucionar retos e desafíos propios das enerxías renovables como os sistemas de almacenamento. Neste senso, apuntou que o talento, a colaboración público-privada e a transferencia de coñecemento son factores clave que o evento celebrado hoxe en Vilagarcía combina.
Precisamente, tanto o organizador do congreso como varios dos expertos participantes son investigadores retidos, atraídos ou retornados a Galicia a través do programa Oportunius da Xunta, que ofrece contratos e condicións vantaxosas para que os beneficiarios das prestixiosas axudas do ERC desenvolvan os seus proxectos na nosa Comunidade, na Galicia Calidade. En concreto, ademais de Manuel Souto, participan no congreso María Giménez e Francisco Rivadulla, tamén do CIQUS da USC, e Jaime Martín do CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) da UDC.
Na actualidade, hai un total de 55 proxectos ERC que se desenvolveron en Galicia liderados por 44 investigadores, dos que 25 están directamente contratados polo programa Oportunius do Goberno autonómico. Ademais, varios proxectos relacionados coas novas tecnoloxías para o almacenamento e a conversión de enerxía xa deron lugar a probas de concepto que posibilitan achegar as innovacións logradas á industria.
As tecnoloxías limpas son unha área estratéxica no Plan galego de I+D+i 25-27 polo seu potencial para impulsar unha transformación profunda e acadar un impacto económico no tecido produtivo, así como pola súa capacidade para o avance da I+G+i.