O Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela acolle unha xornada científica sobre o futuro da investigación en terapias celulares avanzadas e inmunoterapia

O encontro, de referencia internacional, serve de escaparate para os actuais avances dos CAR-T na vangarda da loita contra o cancro

A sesión está organizada polo consorcio TERAV+ Galicia no marco da Rede Española de Terapias Avanzadas do Instituto de Salud Carlos III, a través do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur

A directora do Centro de Terapias Avanzadas de Galicia destaca o traballo que se vén facendo nas súas instalacións, no que están a traballar en distintas terapias anti-tumorais e anti-virais

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2026

O Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela acolleu unha xornada científica sobre o futuro da investigación en terapias celulares avanzadas e inmunoterapia, para expoñer os avances máis significativos neste ámbito.

Neste foro, referentes mundiais en investigación compartiron visión, obxectivos e desafíos para facer das terapias celulares avanzadas e da inmunoterapia, concretamente os CAR-T, a opción terapéutica que demostrou a súa eficacia en tumores hematolóxicos e enfermidades autoinmunes, e que abre posibilidades para moitas outras enfermidades, como os tumores sólidos.

A reunión científica está organizada polo consorcio TERAV+ Galicia do Instituto de Salud Carlos III,  no marco da Red Española de Terapias Avanzadas  (TERAV+), que dirixe desde a Universidade de Vigo a través do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur,  África González. O equipo galego está composto por especialistas en inmunoloxía, oncoloxía e hematoloxía, e centra o seu traballo en avanzar en inmunoterapia celular, desenvolvemento de biomodelos e innovacións tecnolóxicas, así como en formación e aprendizaxe.

A finalidade do TERAV+ é buscar solucións académicas consorciadas que respondan á necesidade urxente de tratamento de enfermidades graves e sen opcións terapéuticas efectivas.

Neste contexto, a investigadora científica sénior da Universidade californiana de Stanford, a galega Elena Sotillo, referente mundial neste ámbito, falou do Redeseño das terapias CAR-T para tumores sólidos e de como pasar da enxeñaría celular á aplicación clínica.

O noso traballo -asegurou Elena Sotillo- consiste en replicar o éxito das células T en cancros hematolóxicos, en tumores de cerebro e sarcomas. “Estamos xa aplicando esta terapia aos tumores sólidos, que son moito máis difíciles de tratar, con bos resultados”.

Pola súa parte, Manel Juan, responsable do grupo de Inmunoxenética e Inmunoterapia do Hospital Clinic de Barcelona e director da Red Española de Terapias Avanzadas, falou do Desenvolvemento da inmunoterapia anti-tumoral, para referise ás múltiples opcións terapéuticas dos CAR-T, dos que sostén que deberían considerarse case como transplantes. Reprogramar as propias células humanas para levar mesmo fármacos ou para que non haxa cicatrices despois dun infarto son algunhas desas posibilidades.

Centro de Terapias Avanzadas de Galicia

A directora do Centro de Terapias Avanzadas de Galicia, Marta Español, compartiu o traballo que se vén facendo no centro galego, que se atopa en fase de validación de procesos e métodos de fabricación, e no que están a traballar en distintas terapias anti-tumorais e tamén anti-virais.

En colaboración co grupo que lidera África González do CINBIO, “desenvolvemos un medicamento CAR-T para tumores sólidos gástricos e pancreáticos, en fase de avaliación preclínica e agardamos poder iniciar un ensaio clínico de fase I/II”, asegurou.

Fernando Torres, do grupo de investigación de oncoloxía do INIBIC da Coruña, falou da Terapia celular con monocitos/macrófagos (CAR-M) para o tratamento de tumores sólidos, que inclúe estudos preclínicos en modelos de cancro de pulmón e representa unha nova terapia celular para salvar os obstáculos da utilización clínica dos CAR-T en tumores sólidos que existen actualmente, dados pola súa limitada estabilidade e escasa capacidade de infiltración.

A plataforma non viral baseada en nanopartículas para a entrada de mRNA en células inmunes: Avances en aplicacións ex vivo e in vivo, foi a exposición da investigadora do CiMUS da USC Lucía Sanjurjo, enfocada, dixo, ao “desenvolvemento de nano-vehículos de RNA, desenvolvidas no noso laboratorio, para equipar as propias células fronte ao cancro a través de simples inxeccións e ofrecendo así máis seguridade, celeridade e abaratamento con respecto aos métodos tradicionais”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2026