O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto co xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, inaugurou o 59 Congreso Nacional da Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica
Gómez Caamaño destaca o éxito do proxecto piloto Lung-Gal, xa estendido a toda Galicia e que permitiu detectar un 60 % dos cancros de pulmón en fases iniciais
Sinala que Galicia é unha das primeiras comunidades autónomas en apostar por este tipo de cribado dirixido a persoas fumadoras ou exfumadoras de alto risco
Pon en valor o liderado da Coruña en cirurxía torácica e no desenvolvemento de técnicas minimamente invasivas
O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña superou os 1.000 transplantes de pulmón desde a posta en marcha do programa en 1999
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou o éxito do proxecto piloto Lung-Gal, posto en marcha en 2024, que permitiu detectar un 60 % dos casos de cancro de pulmón en estadios precoces na área sanitaria da Coruña e Cee.
Así o destacou no 59 Congreso Nacional da Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica onde se abordaron os avances no ámbito da saúde respiratoria, onde estivo acompañado polo xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde.
Este programa piloto serve para detectar o cancro de pulmón en fases temperás mediante TAC torácico de baixa dose en persoas fumadoras ou exfumadoras de alto risco. Na actualidade, o piloto ampliouse tamén ao conxunto de Galicia, con preto de 48.000 persoas invitadas. Deste xeito, a comunidade foi unha das primeiras en impulsar este tipo de cribado de pulmón.
O titular de Sanidade tamén subliñou o liderado da Coruña en cirurxía torácica e a súa contribución ao desenvolvemento de técnicas minimamente invasivas. Así mesmo, puxo como referencia o programa de transplante pulmonar do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, que alcanzou o 13 de maio os 1.000 transplantes de pulmón realizados desde 1999, converténdose nun dos centros de referencia do Estado neste ámbito.
Por outra banda, Gómez Caamaño citou a importancia de aplicar un enfoque da perspectiva de xénero na Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC), que permitiu mellorar a detección e abordaxe desta patoloxía en mulleres, para que “deixe de ser unha enfermidade infradiagnosticada”.