A Xunta sela en Vilanova un convenio de preto de medio millón de euros que activa a restauración de seis grandes bancos marisqueiros
O plan de rexeneración recolle os 483.597 euros de investimento solicitado polo pósito —cofinanciados polo fondo extraordinario Fempa— para corrixir a perda de substrato e sementar ameixa
O acordo garante sustento económico alternativo e protección social de ata 700 € ao mes para un colectivo progresivo de entre 25 e 65 mariscadoras a pé polas súas tarefas de coidado e vixilancia do medio
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 5 de xuño do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, rubricou hoxe co patrón maior da Confraría de Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa, Manuel Rosalino Díaz Calo, o convenio de colaboración bilateral que reabre o camiño á recuperación produtiva do seu litoral tras a mortaldade do marisco causado polos temporais de comezos de ano.
A titular de Mar destaca que o proxecto técnico, dotado cun orzamento de 483.597,63 euros financiado integramente pola Administración autonómica —cofinanciamento polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa)—, “pon en marcha un catálogo de intervencións deseñado polo propio sector baixo criterios de cogobernanza” coa finalidade de recuperar as zonas produtivas afectadas polo impacto dos temporais.
A responsable autonómica puxo en valor a protección social que ofrece este convenio que recolle a compensación ás persoas mariscadoras pola labor de rexeneración de ata 700 euros mensuais. Deste xeito, o pósito vilanovés convértese na cuarta entidade galega en formalizar este instrumento no marco do plan de choque de 22,7 millóns de euros impulsado polo Goberno galego, sumándose aos acordos xa asinados e en execución con Noia, Vilaxoán e Muros.
O plan de restauración recolle a intervención sobre unha superficie de 1.086.872 metros cadrados. O radio de acción distribúese en seis grandes bancos intermareais: Esteiro de Vilamaior I, Esteiro de Vilamaior II, As Sinas 1, As Sinas 2, As Carballas-O Bote e Castelete-O Rego. O documento prioriza o labor manual nas áreas con posible fixación larvaria natural e limita o uso de maquinaria para reverter o estado das zonas con forte tendencia ao enfagamento e a compactación do sedimento.
No eido produtivo, o convenio ampara a sementeira controlada de 650.000 unidades de ameixa babosa autóctona, que se distribuirán entre o banco de Castelete-O Rego e o de Esteiro de Vilamaior. O catálogo ambiental complétase co control sistemático de especies exóticas invasoras como a alga Gracilaria vermiculophylla e a ostra xaponesa (Magallana gigas), que se retirarán de xeito manual con sachos.
Outras accións
Os labores coordinados polas mariscadoras articularanse a través da participación progresiva do colectivo, mobilizando nun inicio a 25 profesionais ata acadar un teito de 65 mariscadoras ao final do proxecto. As quendas de vixilancia e custodia diaria para protexer o recurso cun calendario fixo que abrangue as dúas horas previas e as dúas posteriores á baixamar diúrna en cada franxa de praia asignada.
Tamén se prevén mostraxes e controis biolóxicos semestrais e, durante os meses de inverno, as mariscadoras recibirán formación teórica e práctica específica sobre control postural e primeiros auxilios, biotoxinas, contaminación e detección de especies invasoras.