A Xunta reitera a súa aposta pola creación dunha Área de Prestación Conxunta do servizo de taxi na Coruña

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, abordará o luns a iniciativa do Goberno galego nunha xuntanza con representantes dos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros

O obxectivo é mellorar a eficiencia e a cobertura na comarca, cun sistema de licenzas compartidas que permitirán operar cun réxime tarifario único, paradas comúns e quendas coordinadas

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, presentaralles o luns a alcaldes e representantes da área de mobilidade dos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros a iniciativa da Xunta para a creación dunha Área de Prestación Conxunta (APC) do servizo de taxi na Coruña. O Goberno galego avanza así na proposta feita xa na xuntanza da Comisión de Seguimento do Convenio para a prestación do servizo de autotaxi no aeroporto de Alvedro celebrada o pasado abril.

O obxectivo é mellorar a eficiencia e a cobertura do servizo de taxi na comarca, implantando un sistema de licenzas compartidas que lles permitirá ás persoas titulares operar en todo este ámbito territorial cun réxime tarifario único, paradas comúns e quendas coordinadas. Quérese así garantir a cobertura continua do servizo e o mantemento dun rexistro único de licenzas, permanentemente actualizado.

Os concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros teñen 519, 28, 23, 34 e 30 licenzas de taxi, respectivamente, polo que a APC da Coruña pasaría a dispoñer de 634 licenzas de taxi para una poboación global de case 381.000 habitantes.

Cómpre sinalar que nas zonas nas que exista unha influencia recíproca entre os servizos de taxi de varios municipios con continuidade xeográfica e sempre que a adecuada ordenación de tales servizos transcenda o interese de cada un deles, poderanse crear áreas territoriais de prestación conxunta.

Continuidade territorial e funcional

Así, a proposta da Xunta para a creación da APC da Coruña baséase na continuidade territorial, funcional e socioeconómica dos cinco concellos que a conformarán. Proponse a creación dun órgano xestor, integrado por representantes dos cinco concellos, que asuma a xestión da área, que deberá elaborar e aprobar unha ordenanza reguladora, común para os servizos de taxi dos cinco concellos.

A constitución da Área Territorial de Prestación Conxunta da Coruña proponse no marco da lei de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, polo que se solicita aos cinco concellos incluídos que informen sobre esta á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes nun prazo de tres meses. Transcorrido este prazo sen pronunciamento expreso, entenderase que informan en sentido favorable.

Durante a tramitación do procedemento darase audiencia ás organizacións sindicais e empresariais e ás asociacións profesionais e de persoas consumidoras e usuarias con maior representatividade no sector. Solicitarase, así mesmo, informe da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo do Consello Galego de Transportes.

A iniciativa preséntase tras a proposta de creación da Área de Prestación Conxunta do Val Miñor presentada polos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, que está en tramitación tras ser avaliada de xeito favorable o pasado febreiro pola Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo (CEVT) do Consello Galego de Transportes .

 

Data de actualización: 05/06/2026