A Xunta licita por preto de 450.000 euros o subministro de material funxible para a elaboración de nutricións parenterais para pacientes da área sanitaria de Vigo

As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o 6 de xullo para presentar as súas ofertas

O período da contratación é por 36 meses

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026

O Portal de Contratos Públicos da Xunta publica a licitación, por parte da Consellería de Sanidade, do subministro sucesivo de material funxible adecuado para a preparación semiautomatizada necesario para a elaboración de nutricións parenterais para pacientes ingresados e domiciliarios da área sanitaria de Vigo. A licitación tamén inclúe a cesión do dispositivo robotizado a través do que se elaborarán as nutricións parenterais. O conxunto da licitación acada un importe de 449.121 euros para un período de 36 meses.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 6 de xullo para presentar as súas ofertas.

O dispositivo robotizado deberá ter, entre outras, as seguintes características: control gravimétrico continuo de macros e micronutrintes; peso menor a 30 kg que permita unha adecuada ergonomía no seu manexo; tamaño adecuado para poder utilizar con comodidade; fácil limpeza; adecuada precisión que permita a dosificación da nutrición parenteral de neonatos e pacientes pediátricos.

Respecto das características do material funxible a mercar, as bolsas de nutrición parenteral son dispositivos médicos estériles, apiróxenos e dun só uso, deseñados para a mestura e administración intravenosa das nutricións parenterais. Estas bolsas deben estar fabricadas con materiais compatibles con solucións nutricionais: libres de PVC, libres de DEHP, con material EVA e multicapa. Deben ser resistentes á oxidación, á luz e con boa estabilidade mecánica. A capacidade debe ser de 250 ml, 500 ml, 1000 ml e 2000 ml.

Os set de transferencia son sistemas pechados estériles que permiten a conexión segura entre diferentes dispositivos (por exemplo, frascos, viais ou bolsas) para a transferencia de compoñentes nutricionais sen comprometer a esterilidade do contido da nutrición parenteral. Deben estar fabricados con materiais biocompatibles e libres de látex. Inclúen tubos de PVC ou polietileno de grao médico. Para evitar o risco de contaminación durante a colocación destes set no dispositivo, é vital que requiran a mínima manipulación posible e por iso deben estar premontados.

Os punzóns son dispositivos de punción deseñados para perforar bolsas seladas, permitindo a extracción ou inxección de solucións de xeito seguro. Deben ser fabricados en plástico médico resistente, cun deseño ergonómico e compatible cos viais ou bolsas estándar do mercado, con válvula de non retorno ou sistema de peche se corresponde, con punta afiada, cuberta protectora e conexión segura. Serán presentacións individuais estéril, dun só uso.

Os conectores son accesorios utilizados para unir dous ou máis compoñentes do sistema de nutrición parenteral, garantindo unha conexión segura, estéril e sen fugas.

Data de actualización: 05/06/2026