A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático respondeu esta mañá unha pregunta en comisión parlamentaria

A Xunta defende un modelo de xestión do litoral en Galicia que se adapte ao territorio e transforme o coñecemento científico en accións en materia de clima

Paula Uría salienta que fronte á visión do litoral do Estado, que prima a prohibición e a restrición, a Xunta conta cunha lei que aposta por un modelo en clave galega, avalado polo Constitucional e baseado na integración económica, ambiental e social

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026

A Xunta defendeu esta mañá no Parlamento a xestión do litoral que está a aplicar en Galicia, un modelo baseado na adaptación intelixente do territorio e na transformación do coñecemento científico sobre a costa en accións públicas que permitan avanzar en materia climática.

Así o expuxo en comisión parlamentaria a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, que explicou como afronta o Goberno galego e o seu departamento en particular a posible incidencia do quecemento global na costa galega.

Tras incidir en que o modelo uniforme que propón o Goberno central para todas as realidades costeiras non vale no caso de Galicia, considerou que para a Xunta é “unha necesidade estratéxica” poder dispoñer dunha “metodoloxía propia e axustada á realidade das rías galegas” que lle permita avaliar os efectos do cambio climático sobre a nosa costa, coas súas especificidades e singularidades.

Por este motivo, a directora xeral fixo fincapé na importancia que ten para o Executivo autonómico apoiarse na ciencia e na información que ofrecen os estudos técnicos e investigacións relacionados co litoral galego neste eido á hora de tomar decisións propias axustadas á realidade desta parte do territorio e deseñar as súas políticas.

Neste sentido, Uría explicou que fronte á visión do litoral do Goberno central, na que prima a prohibición e a restrición, a Xunta aposta por un modelo propio apoiado na Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, unha norma avalada polo Tribunal Constitucional e que basea a xestión desta parte do territorio na compatibilidade e na integración das perspectivas económica, ambiental e social.

En concreto e para exemplificar o contraste entre ambos modelos, referiuse á reforma do Regulamento Xeral de Costas impulsada de forma unilateral polo Estado e coa que busca introducir “pola parte de atrás” e “sen transparencia” maiores restricións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2026