A Xunta pon en valor o proxecto pegado ao territorio das novas residentes do ‘coliving’ de Carballeda de Avia no marco do proxecto Muimenta Activa
Carballeda de Avia (Ourense), 6 de setembro de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, asistiu hoxe ao acto de recepción das novas persoas residentes do coliving da aldea de Muimenta, que estarán aloxadas durante esta primeira quincena de setembro. Trátase dunha cineasta e comunicadora e dunha artista interdisciplinar, investigadora e educadora que comparten o proxecto Situated Cinema, desenvolvido desde 2014 xunco co colectivo Sende.
A proposta busca facer cine de baixa tecnoloxía, conectando a creación audiovisual coa contorna, os recursos dispoñibles e as historias do lugar. Nese senso, as novas residentes teñen previsto amosar o seu traballo á veciñanza, ademais de investigar o territorio cartografiando as plantas locais co fin de usalas para crear imaxe e de escoitar as historias do pobo coa vista posta na próxima edición do festival, que se celebrará en maio de 2027 coa valoración de Muimenta como posible sede. Todo no marco do proxecto Muimenta Viva, impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Concello de Carballeda de Avia co fin de activar os novos equipamentos comunitarios da aldea de Muimenta e de avanzar cara a un modelo público innovador de emprendemento e dinamización territorial no rural galego.