A Xunta traslada a súa proposta de creación dunha área de prestación conxunta do servizo de taxi na Coruña

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, abordou hoxe a iniciativa do Goberno galego nunha xuntanza con representantes dos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2026

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse hoxe con representantes dos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros para trasladarlle a iniciativa da Xunta para a creación dunha Área de Prestación Conxunta (APC) do servizo de taxi na Coruña  “co obxectivo de mellorar este servizo e que estes cinco municipios se sumen á iniciativa”. Tras esta primeira reunión, os cinco concellos deberán informar da súa postura á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes nun prazo de tres meses. Transcorrido este prazo sen pronunciamento expreso, entenderase que informan en sentido favorable.

Durante a tramitación do procedemento darase audiencia ás organizacións sindicais e empresariais e ás asociacións profesionais e de persoas consumidoras e usuarias con maior representatividade no sector. Solicitarase, así mesmo, informe da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo do Consello Galego de Transportes.

O obxectivo é mellorar a eficiencia e a cobertura do servizo de taxi na comarca, implantando un sistema de licenzas compartidas que lles permitirá ás persoas titulares operar en todo este ámbito territorial cun réxime tarifario único, paradas comúns e quendas coordinadas. Quérese así garantir a cobertura continua do servizo e o mantemento dun rexistro único de licenzas, permanentemente actualizado.

Trataríase da segunda proposta deste tipo, tras a da Área de Prestación Conxunta do Val Miñor presentada polos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, que está en tramitación tras ser avaliada de xeito favorable o pasado febreiro pola Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo (CEVT) do Consello Galego de Transportes .

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2026