A Xunta iniciará o 16 de xuño a toma de mostras da nova fase do proxecto Xenoma Galicia nos distritos sanitarios da Mariña e de Monforte de Lemos
As persoas convidadas recibirán unha SMS na que poderán reservar a súa cita a través da app Sergas Móbil
O obxectivo é chegar aos 207 participantes nestes dous distritos sanitarios
No caso do Hospital Público de Monforte de Lemos as extraccións de sangue realizaranse os días 16 e 17 de xuño das 15,30 ás 18,30 horas
No caso do Hospital Público de Burela a toma de mostras terá lugar nas xornadas do 17, 18, 19 de xuño de 15,30 a 18,30 horas e o sábado 20 de xuño de 9,00 a 12,00 horas
A primeira e a segunda fase piloto do proxecto permitiron detectar 28 persoas portadoras de variantes xenéticas de alto risco
A Xunta inviste 20 millóns de euros no proxecto Xenoma Galicia co obxectivo de recompilar o ADN de 400.000 galegos
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2026
A Xunta iniciará o vindeiro martes 16 de xuño a toma de mostras da nova fase do proxecto Xenoma Galicia nos distritos sanitarios da Mariña e de Monforte de Lemos.
A Consellería de Sanidade vén de comezar o envío aleatorio de mensaxes SMS para convidar á poboación da área lucense a participar nun proxecto que ten por obxecto identificar os xenes relacionados cos cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar.
A mensaxe inclúe a información necesaria sobre como deben proceder as persoas convidadas para reservar a súa cita para a toma de mostras, a través da app Sergas Móbil. O obxectivo é acadar os 207 participantes nestes dous distritos sanitarios da provincia de Lugo.
As extraccións de sangue realizaranse os días 16 e 17 de xuño no Hospital Público de Monforte de Lemos de 15,30 a 18,30 horas. No caso do Hospital Público de Burela terá lugar nas xornadas do 17, 18, 19 de 15,30 a 18,30 horas e na mañá do sábado 20 de xuño de 9,00 a 12,00 horas.
O persoal sanitario informará de todo o proceso aos participantes, que non deberán acudir en xaxún.
A Xunta completou xa a recollida das mostras desta fase nas áreas sanitarias de Santiago e Barbanza e na de Ferrol. Así mesmo, mañá mesmo finalizará as extracción de sangue na área sanitaria de Vigo.
O Executivo galego inviste unha partida de 20 millóns de euros nun proxecto Xenoma Galicia co obxectivo de recompilar o ADN de 400.000 galegos
28 casos detectados con variantes xenéticas de alto risco
Coas mostras recollidas no marco do proxecto Xenoma búscase identificar variantes de xenes relacionados con cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar, ademais de nutrir o biobanco do proxecto.
A primeira e a segunda fase piloto do proxecto permitiron detectar 28 persoas portadoras de variantes xenéticas de alto risco. En consulta, dependendo da variante detectada, infórmase das opcións de seguimento personalizado, de se deben facerlle probas a algún familiar e dos hábitos de vida saudable que se poden seguir para diminuír o risco en caso de que, finalmente, apareza a patoloxía.
A porcentaxe de poboación incluída no proxecto Xenoma Galicia fai del un dos de maior envergadura do mundo. Permitirá predicir o risco de enfermidades antes de apareceren para poder anticiparse a elas e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados.
Deste xeito, Galicia situarase na primeira liña da investigación biomédica, ademais de ser un revulsivo para a industria biotecnolóxica e farmacéutica do país.
O proxecto Xenoma Galicia, coordinado pola Consellería de Sanidade e baixo a dirección dos investigadores da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica María Brión e Ángel Carracedo, contribuirá ao deseño de novos programas de prevención e detección temperá e personalizada. Ademais, establecerá as bases dun cribado xenético sustentable e equitativo.