A Xunta recibe ao Club Voleibol Cidade da Coruña tras o seu ascenso á Superliga 2 Feminina

Os representantes do Goberno autonómico destacaron o exemplo de traballo, esforzo e promoción do deporte feminino que representa este club coruñés

A Coruña,  8 de xuño  de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo,  xunto a o secretario xeral para o Deporte, Roberto García Fernández, e a directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Mª Mar Ferreiro Broz recibiron esta tarde aos integrantes do Club Voleibol Cidade da Coruña feminina para felicitalas polo histórico ascenso do seu equipo senior feminino á Superliga 2 Feminina, a segunda máxima categoría do voleibol estatal.

Ambos destacaron que este ascenso é o premio ao traballo ben feito durante moitos anos, á aposta decidida pola formación deportiva e aos valores que representa o deporte base. Neste sentido, subliñaron que o éxito acadado polo equipo senior feminino transcende o resultado deportivo e constitúe un exemplo para centos de mozas que practican voleibol na comarca coruñesa.

Belén do Campo puxo en valor que este logro permitirá recuperar os históricos derbis coruñeses na Superliga 2 Feminina, unha competición na que o Cidade da Coruña acompañará ao Zalaeta, reforzando así a presenza da cidade nas categorías nacionais do voleibol feminino.

Durante a recepción, os representantes da Xunta destacaron tamén a importancia do traballo que desenvolve o club nas categorías de formación. Na actualidade, a entidade conta con 17 equipos con máis de 200 deportistas federados, na súa inmensa maioría mulleres, e presenta equipos en todas as categorías, desde benxamíns ata sénior, consolidándose como unha das canteiras máis importantes de Galicia.

A delegada lembrou que o club, nacido hai máis de cincuenta anos no ámbito do Colexio Calasancias a través do Club Deportivo Padre Faustino, soubo evolucionar ata converterse nun proxecto deportivo de referencia, combinando a promoción do deporte base coa excelencia competitiva.

Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte destacou a contribución da entidade ao crecemento do voleibol galego, unha disciplina que continúa incrementando a súa presenza na comunidade. Segundo os últimos datos federativos, Galicia supera as 4.900 licenzas de voleibol e vólei praia, das que máis de 3.600 corresponden a mulleres, reflectindo o gran peso do deporte feminino nesta modalidade, en 488 equipos e con 34 deportistas desta especialidade na categoría de Alto Nivel Galego.

Os representantes da Xunta trasladaron ao club o seu recoñecemento polo traballo desenvolvido e animaron ás xogadoras, corpo técnico e directiva a continuar sendo un referente do deporte galego, tanto polos seus éxitos deportivos como polo seu compromiso coa formación integral da mocidade a través dos valores do esforzo, a superación e o traballo en equipo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2026