Medio Rural organiza en Bilbao un novidoso evento para promover a creación de redes de contacto entre profesionais do sector agroalimentario de calidade

Trátase da iniciativa El Sabor de Galicia a un click, que contou coa presenza de 22 empresas galegas que ofrecen unha representación da versatilidade da nosa gastronomía

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou neste evento, onde destacou a plataforma que ofrece a Xunta aos produtores para que os consumidores poidan adquirir produtos agroalimentarios de calidade diferenciada dun xeito áxil

A xornada de hoxe comezou cunha sesión de networking entre produtores galegos e profesionais locais, para posteriormente dar paso á presentación de diversas elaboracións galegas a cargo dos seus propios produtores

Bilbao, 8 de xuño de 2026

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organizou hoxe en Bilbao a iniciativa El Sabor de Galicia a un Click, un novidoso evento para promover a creación de redes de contactos, o coñecido como networking, entre os profesionais do sector da produción agroalimentaria de calidade diferenciada.

O director da Axencia, Martín Alemparte, participou esta tarde nesta xornada, que contou coa presenza de 22 empresas galegas que ofrecen unha representación da versatilidade da gastronomía galega de calidade. Neste sentido, Alemparte destacou a plataforma que ofrece a Xunta aos produtores -experienciasdecalidade.gal- para que os consumidores poidan adquirir produtos agroalimentarios con Denominación de Orixe, Indicación Xeográfica Protexida, con certificación ecolóxica ou co selo de Artesanía Alimentaria, de xeito áxil, mercándoa directamente aos produtores, sen intermediarios. 

Tal e como explicou o director, a xornada de hoxe comezou cunha sesión de networking entre produtores galegos e profesionais locais da pequena distribución e da hostalaría, para posteriormente dar paso á presentación de diversas elaboracións galegas a cargo dos seus propios produtores. 

Así, Alemparte enxalzou a relevancia de proxectos como El Sabor de Galicia a un Click, que poñen en valor a excelencia da produción agroalimentaria galega de calidade diferenciada e favorecen as canles curtas de comercialización co contacto directo entre produtores e consumidores. 

Primeira xornada dirixida ao público xeral

Cabe sinalar que a primeira xornada realizada ao abeiro desta iniciativa desenvolveuse o sábado 6 de xuño, cunha sesión dirixida ao público xeral no Mercado da Ribera de Bilbao, con degustacións e demostracións de cociña. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2026