A Xunta destaca no Porriño o peso da minaría na economía e historia de Galicia

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou na presentación do novo espazo expositivo deste municipio pontevedrés na feira Stonegal

O Porriño (Pontevedra), 9 de xuño de 2026

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñou esta mañá que a minería “define a nosa historia e economía e posiciona a nosa rexión como unha potencia global”. Facíao no transcurso do acto de presentación do novo espazo expositivo co que o concello pontevedrés de O Porriño vai participar nunha nova edición de Stonegal, a feira internacional  dedicada á pedra natural que se vai celebrar os vindeiros 17, 18 e 19 de xuño no Ifevi de Vigo.

Fernández Vila gabou a tradición mineira do municipio porriñés e lembrou que Galicia sigue liderando a produción de pedra natural en España, tanto de lousa, como de granito, ademais de continuar como a segunda comunidade autónoma en emprego mineiro, con 3.579 persoas traballadoras (11,84% do total nacional). E, ao fío, recalcou que a Comunidade galega representa o 8,7% da produción de minerais de España. “Por iso -dixo -  iniciativas como esta feira son esenciais para a Xunta de Galicia, e alegrámonos de que a ela se sume o Concello de Porriño, un referente neste sector”.

Finalmente, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas celebrou que a nova edición de Stonegal volva a converter Galicia na “capital mundial dunha industria que une tradición, sustentabilidade e vangarda”, polo que animou aos profesionais do sector a participar do amplo e variado programa elaborado para este ano pola organización.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2026