O conselleiro de Sanidade participou de forma telemática na sesión extraordinaria do Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde
Gómez Caamaño subliña a coincidencia de todas as comunidades en que o Estatuto Marco é responsabilidade do Goberno central e destaca a "soidade" da ministra de Sanidade
Resalta que o Estatuto Marco é unha norma básica estatal, polo que as comunidades non teñen capacidade para modificar e aprobar a lei
Chama a atención sobre que a ministra de Sanidade teña na súa contra tanto a profesionais como a sindicatos, como comunidades autónomas e pacientes
Reitera o compromiso das comunidades cos pacientes e o desexo de colaborar na desconvocatoria das folgas médicas contra a reforma do Estatuto Marco, sempre que exista diálogo real
Os paros convocados contra o Estatuto Marco impulsado polo Goberno central provocaron, desde o mes de decembro, a suspensión de case 245.000 actos médicos en Galicia
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe a coincidencia de todas as comunidades autónomas en que o Goberno central é a administración competente para modificar e aprobar o Estatuto Marco, que pertence ao eido da súa responsabilidade, e destacou a “soidade” da ministra de Sanidade neste asunto.
Así o indicou Gómez Caamaño antes de participar nunha sesión extraordinaria do Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde convocada con motivo das folgas contra a reforma do Estatuto Marco.
O conselleiro de Sanidade reiterou que unha norma básica estatal como o Estatuto Marco non pode ser modificada ou aprobada polas comunidades autónomas para incluír as reclamacións que o colectivo médico lle está a demandar ao Goberno central.
Nesta liña, Gómez Caamaño lembrou que as comunidades manteñen a súa vontade de colaboración para solucionar o problema xerado polo Ministerio de Sanidade, sempre e cando o diálogo cos actores implicados sexa real.
Por último, o responsable da carteira sanitaria no Goberno galego reafirmou o seu compromiso cos pacientes e lamentou a posición de “soidade absoluta da ministra de Sanidade”, que ten en contra tanto a profesionais como a sindicatos, a comunidades autónomas e aos pacientes afectados.
En Galicia, os paros convocados contra a reforma do Estatuto Marco que promove o Goberno central desde o mes de decembro obrigaron a suspender case 245.000 actos médicos.