A Xunta dá luz verde ambiental ao Plan especial de reforma interior dun ámbito urbano en Ribeira para crear solo residencial

O informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que o plan teña efectos ambientais significativos

A ordenación afecta a unha superficie de 5.436 m2 clasificada no planeamento como solo urbano non consolidado co fin de trasladar un edificio industrial preexistente fóra da trama urbana para propoñer a construción dun bloque residencial e servizos

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao Plan especial de reforma interior (PERI) do polígono número 8 do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Ribeira, un instrumento que ten como obxecto trasladar o uso industrial preexistente no mesmo fóra da trama urbana co fin de crear novo solo residencial.

O informe ambiental estratéxico (IAE) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e publicado hoxe mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia establece que non se prevé que o referido plan teña efectos ambientais significativos sempre que se cumpran e atendan as condicións incluídas na propia resolución en cuestións relacionadas coa integración paisaxística, a protección dos valores do patrimonio cultural, a zonificación acústica ou os servizos básicos.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do PERI, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador da proposta como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal da Consellería para que o público puidese consultalo e facer as observacións ou suxestións de carácter ambiental, sen que se recibira ningunha.

Unha vez emitido, o IAE foi remitido ao promotor e ao órgano substantivo xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e desde hoxe xa está dispoñible para o público en xeral na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, segundo se recolle no anuncio publicado no DOG.

O obxecto deste plan é desenvolver o polígono 8 de solo urbano non consolidado do PXOM de Ribeira, lindeiro ao casco vello, nunha zona cun elevado nivel de edificación. Trátase dunha parcela de orixe industrial que co paso dos anos foi quedando rodeada dunha trama residencial densa e na actualidade se atopa en desuso.

O PERI empezou a tramitarse para ordenar este ámbito, o que requirira do traslado da antiga factoría de elaboración e transformación de peixe, xunto ao pazo de San Lourenzo, na parroquia de Santa Uxía de Ribeira.

A superficie incluída no PERI abrangue un total de 5.436,70 m2, tras excluír unha pequena superficie na parte nordeste que non pertencía á parcela industrial. Na zona norte, xunto ao pazo, proponse un bloque residencial en forma de L; no borde sueste, prevese unha reserva de equipamento; e proponse tamén unha zona verde entre a edificación residencial e a rúa Pero Meogo, ao oeste do ámbito.

Data de actualización: 10/06/2026