Augas de Galicia executa o mantemento fluvial de 1,5 quilómetros do río das Mestas en Valdoviño, Cerdido e Cedeira
A delegada territorial, Martina Aneiros, supervisou os traballos, que consisten na retirada de árbores caídas e biomasa da canle fluvial
Valdoviño (A Coruña), 10 de xuño de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou hoxe as actuacións de conservación e mantemento fluvial que se están a desenvolver nun tramo de 1,5 quilómetros do río das Mestas ao seu paso polas parroquias de San Martiño de Vilarrube (Valdoviño), San Fiz de Esteiro (Cedeira) e San Martiño de Cerdido, no municipio do mesmo nome.
Os traballos, que se prolongaron durante un total de 20 días e que rematan precisamente hoxe, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos. As actuacións estanse a realizar coa aplicación de motoserras, rozadoiras e outras ferramentas manuais que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor.
Aneiros destacou que, unha vez finalizadas as intervencións, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, “facendo moito máis doada a circulación fluída das augas e prevendo posibles problemas derivados dos atascos no encoro”, sinalou facendo referencia á catalogación da zona como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.
Os traballos continuarán a partir de mañá nos ríos Condomiñas, Pontigas e da Veiga, no concello de Cedeira.