A Xunta destaca a necesidade dunha colaboración institucional real durante a tramitación da nova Lei de Administración Local de Galicia con achegas construtivas

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, defende no Parlamento que a Xunta está a avaliar as 530 alegacións ao anteproxecto presentadas por máis de medio cento de entidades co obxectivo de incorporar todas aquelas que contribúan a enriquecer o texto

Fronte á postura construtiva da maioría das entidades destaca o “ton marcadamente crítico” das aportacións da Fegamp

Incide na importancia de que todos os organismos vinculados ao eido local aproveiten a oportunidade de colaborar e contribuír a esta lei pensada para dotar ao municipalismo galego de ferramentas do século XXI

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026

A Xunta está a analizar as 530 alegacións ao anteproxecto da Lei de Administración Local de Galicia (Lalga) presentadas polo medio cento de entidades e persoas que participaron nos trámites de audiencia e información pública. Tamén, no marco do proceso de escoita e diálogo da Xunta, mantivéronse reunións cas entidades máis representativas do mundo local que presentaron achegas ao texto, como é o caso das deputacións provinciais da Coruña, Lugo e Ourense, os Colexios Territoriais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local ou a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Así o explicou hoxe no Parlamento galego a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, que destacou a colaboración institucional coa maioría das entidades do municipalismo galego que achegaron propostas construtivas, que serán tidas en conta co obxectivo de acadar un texto o máis consensuado posible.

Pola contra, no caso das alegacións presentadas pola Fegamp, sinalou o “ton marcadamente crítico” do documento que, en lugar de ofrecer argumentos desde un punto de vista técnico-xurídico, desenvolve unha crítica global que busca a confrontación. Neste senso, agradeceu a asistencia do vicepresidente primeiro do organismo, Ángel Moldes, á reunión celebrada onte para abordar coa Xunta as aportacións da Fegamp ao anteproxecto, pero lamentou que non acudisen nin o seu presidente nin os outros dous vicepresidentes, representantes do PSdeG e do BNG.

Na súa intervención, Natalia Prieto fixo fincapé en que o actual anteproxecto é froito dun proceso participativo, amplo e rigoroso que contou con distintos estudos, congresos e actividades dirixidas a recoller a visión de expertos, técnicos e representantes do eido local, académicos das tres universidades galegas, economistas e a cidadanía en xeral. Por iso, instou a todas entidades a colaborar e aproveitar a oportunidade de dotar ao eido local dunha lei que recolle as ferramentas necesarias para a Galicia do século XXI baseadas na aposta pola dixitalización, a sustentabilidade e a cooperación. 

Canto ás principais novidades da reforma, un dos bloques fai referencia ao sistema de financiamento local. Pese a que este asunto é competencia estatal, a Xunta na nova lei e no marco das súas competencias, busca garantir un reparto equitativo dos recursos cunha nova regulación da participación das entidades locais nos tributos autonómicos. Ademais, entre outras medidas, incrementaranse os fondos libres incondicionados, de xeito que se destinen estes fondos para as necesidades que os concellos decidan. Tamén ante a inacción do Executivo estatal, a reforma aborda o reto demográfico cun réxime especial para municipios en esta situación.

Por outra parte, o anteproxecto clarifica e reordena o sistema de competencias locais; reforza as competencias das deputacións provinciais; ofrece novas fórmulas para exercer as competencias municipais como as áreas funcionais de carácter temporal ou as agrupacións para compartir persoal municipal e mantén a aposta polas mancomunidades de municipios; e moderniza o réxime de organización e funcionamento das entidades locais coas principais vangardas normativas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2026