A Xunta apoia con 516.000 euros as obras de mellora do campo de fútbol da Ribela, en Sarria, que comezaron hoxe
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explica que a Administración galega cofinancia a actuación a través dun convenio de colaboración co Concello, que achega 221.200 euros
Sarria (Lugo), 11 de xuño de 2026
A Xunta achega 516.200 euros para mellorar as instalacións do campo de fútbol municipal da Ribela, en Sarria. As obras de acondicionamento comezaron hoxe.
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explicou esta mañá durante unha visita ao recinto deportivo que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes financia a actuación a través dun convenio de colaboración co Concello sarriao, que pola súa banda aporta 221.200 euros. O delegado estivo acompañado pola directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López.
O proxecto comprende a renovación integral do céspede sintético, que xa superou a súa vida útil e está desgastado. Inclúe ademais o acondicionamento e modernización da contorna do estadio para facelo máis accesible, seguro e funcional.
Así mesmo, acometerase a renovación ou mellora de diferentes servizos, como os vestiarios, as gradas e outras zonas comúns. Tamén se instalará un novo sistema de iluminación máis eficiente, unha medida que contribuirá ao aforro enerxético e facilitará o uso desta infraestrutura en horario nocturno.
O estadio de A Ribela é o principal espazo deportivo do municipio, onde xoga a SD Sarriana. O recinto acolle competicións oficiais, torneos de base, eventos escolares e partidos de relevancia autonómica e nacional. A súa utilización fomenta a práctica da actividade deportiva entre os nenos e nenas do municipio, posto que máis de 200 rapaces das categorías base da SD Sarriana adestran no campo.
Villares enmarcou esta actuación na colaboración da Xunta cos concellos de toda a provincia para garantir unha xestión eficiente dos recursos e unha prestación de servizos á cidadanía en condicións de calidade e igualdade.