A XXXI Feira da Ciencia de Ribadeo pecha o calendario de citas de Galicia Educa este curso
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participa na clausura do evento, organizado por centros do concello co apoio da Xunta
Destaca que o programa de feiras impulsado pola Xunta ten como obxectivo dar visibilidade ao bo traballo de alumnos e docentes e facilitar a orientación académica
Ribadeo (Lugo), 11 de xuño de 2026
A directora xeral de Ordenación e innovación Educativa, Judith Fernández, participou hoxe na clausura da XXXI Feira da Ciencia de Ribadeo. A cita pecha o calendario de 16 feiras do programa Galicia Educa, a iniciativa da Xunta para dar a coñecer a oferta de titulacións, ofrecer orientación ao alumnado e poñer en valor os proxectos innovadores dos centros de ensino cun enfoque territorial que garante o acceso a todo o alumnado.
A representante da Consellería de Educación felicitou o Concello de Ribadeo e aos catro centros organizadores do evento –os colexios Plurilingüe Gregorio Sanz e Plurilingüe Sagrado Corazón, o Centro Integrado de FP Porta da Auga e o Instituto de Ribadeo Dionisio Gamallo– pola traxectoria desta cita, “que supera as tres décadas servindo de escaparate aos proxectos desenvolvidos nas aulas, o que supón ademais construír comunidade entre os diferentes centros”, dixo.
A directora xeral destacou que este é, precisamente “o espírito co que naceu o programa Galicia Educa, o dar visibilidade ao bo traballo que realizan docentes e alumnos, difundilo como exemplo de boas prácticas e, ao mesmo tempo, dar a coñecer as diferentes opcións formativas e as súas saídas laborais”.
A XXXI Feira da Ciencia desenvolveuse nas instalacións do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo e, ademais de cos tradicionais espazos expositivos, contou coa presenza do catedrático de Edafoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, distinguido este ano coa Medalla do Consello da Cultura Galega 2026. Así mesmo, a neurocientífica do Texas Medical Center de Houston Sonia Villapol impartiu a conferencia de clausura baixo o título Un cerebro activado, un cerebro de preguntas.