As cidades galegas ilumínanse de vermello na conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue
Tinguiranse de vermello o Teatro Jofre de Ferrol, a Torre Hejduk da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, a Ponte Vella de Ourense e as Fontes da rúa Aragón en Vigo
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue salienta o papel fundamental dos doantes no sostemento do sistema sanitario público e pon de manifesto a necesidade de incrementar a actual base de doantes de Galicia
Máis de 73.300 persoas doaron sangue en Galicia o pasado ano
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2026
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) agradece a colaboración dos concellos galegos na conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue, que se celebra este domingo 14 de xuño, iluminando esta noite de cor vermella edificios e monumentos significativos.
En particular, na noite do 13 ao 14 de xuño tinguiranse de vermello o Teatro Jofre de Ferrol, a Torre Hejduk da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, a Ponte Vella de Ourense e as Fontes da rúa Aragón en Vigo.
Deste xeito, as cidades galegas súmanse ao agradecemento que a sociedade brinda aos doantes galegos nesta xornada, xa que a participación da cidadanía posibilita boa parte do intenso labor asistencial que desenvolven os hospitais galegos.
Campaña de verán
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra que a doazón resulta imprescindible todos os días do ano, pero cobra unha vital importancia en períodos como o verán, no que resulta máis complicado garantir a participación estable dos doantes por mor da mobilidade da poboación debido ás vacacións.
Por este motivo, esta mesma semana, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a directora da ADOS, Marisa López, presentaron a campaña “Un alento de vida” que se desenvolverá ata finais do mes de agosto co obxectivo de acadar ao redor de 400 doazóns de sangue diarias.
Esta campaña de verán achegará as unidades móbiles da axencia ata máis de 170 concellos, nun importante esforzo organizativo que permitirá o desenvolvemento de ao redor de 800 desprazamentos.
Cidadanía solidaria
A Consellería de Sanidade pon en valor o compromiso das máis de 73.300 persoas que doaron sangue o pasado ano, realizando un total de 105.337 doazóns. Esta cifra permitiu a Galicia situarse como unha das comunidades de maior índice de participación a nivel estatal, con 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, superando en tres puntos a media de doazón nacional.
Así mesmo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue convida a doar a todas as persoas que aínda non se decidiron a dar este paso solidario, especialmente á xuventude xa que a súa contribución resulta fundamental para a ampliación e renovación da actual base de doantes.
Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.