O conselleiro de Sanidade, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo e o xerente da área sanitaria, clausurou o acto do aniversario deste centro da rede do Servizo Galego de Saúde

Gómez Caamaño subliña o dinamismo e a calidade da atención sanitaria do hospital público da Mariña, que cumpre 40 anos completando a súa modernización

O conselleiro destaca que, neste tempo, o hospital pasou de contar con 60 camas, 127 traballadores e 29 facultativos, a 156 camas, 832 profesionais e 127 médicos

Subliña a importante actividade asistencial do hospital que, cada ano, atende preto de 110.000 consultas externas, máis de 26.000 urxencias, ao redor de 6.000 ingresos hospitalarios e realiza máis de 5.200 cirurxías

Pon en valor a ampliación da carteira de servizos do hospital, con prestacións como o hospital de día oncohematolóxico, novas consultas especializadas, unidades específicas como as de retina e glaucoma, e importantes avances tecnolóxicos

Refire que o hospital está en pleno proceso de modernización e, actualmente, se atopan en fase de licitación as obras das fases 2 e 3 do plan director, nas que a Xunta vai investir 33,5 millóns de euros

Avanza que antes de que remate o ano, a Xunta adxudicará ese contrato para, de xeito inmediato, comezar as obras

Ten palabras de agradecemento para os profesionais que fixeron medrar ao hospital, así como para os pacientes e as súas familias, por confiar na sanidade pública

Burela (Lugo), 12 de xuño de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe o dinamismo e a calidade da atención sanitaria do Hospital Público da Mariña, que cumpre 40 anos completando a súa modernización.

O titular da carteira sanitaria, xunto co delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, clausurou o acto conmemorativo con motivo do 40 aniversario deste hospital pertencente á rede do Sergas, que é referencia para máis de 70.000 veciños e veciñas de 14 concellos.

O conselleiro referiu que, catro décadas despois da súa apertura, o Hospital da Mariña pasou de contar con 60 camas, 127 traballadores e 29 facultativos, a 156 camas, 832 profesionais e 127 médicos.

Outro dato relevante sinalado polo máximo responsable sanitario é que o hospital atende cada ano preto de 110.000 consultas externas, máis de 26.000 urxencias, ao redor de 6.000 ingresos hospitalarios e realiza máis de 5.200 intervencións cirúrxicas.

Ampliación da carteira de servizos e modernización

Gómez Caamaño puxo en valor a ampliación ao longo destes anos da carteira de servizos do hospital, que incorporou prestacións tan relevantes como o hospital de día oncohematolóxico, novas consultas especializadas, unidades específicas como as de retina e glaucoma, programas para pacientes crónicos e, ademais, importantes avances tecnolóxicos, entre os que citou a primeira resonancia magnética fixa do centro e a renovación do TAC.

Outro aspecto destacado polo conselleiro é que, ao longo destes anos, o hospital formou máis de 100 especialistas, consolidándose tamén como un centro de formación sanitaria.

Na súa intervención no acto, Gómez Caamaño incidiu en que este hospital está en pleno proceso de modernización e, actualmente, atópanse en fase de licitación as obras das fases 2 e 3 do plan director, nas que a Xunta vai investir 33,5 millóns de euros.

Segundo o conselleiro, antes de que remate o ano, o Goberno galego adxudicará ese contrato para, de xeito inmediato, comezar as obras.

Este importante investimento posibilitará ampliar e renovar espazos tan importantes como urxencias, UCI, pediatría, diagnóstico por imaxe ou laboratorios, ademais de crear novas áreas destinadas á docencia e á formación de profesionais.

Cando rematen as obras, Gómez Caamaño dixo que o hospital contará cun 50 % máis de superficie que cando foi construído.

Para finalizar a súa intervención, o conselleiro referiu que o mellor que ten o Hospital da Mariña son as persoas que o fixeron medrar estas catro décadas, e, ao respecto, tivo palabras de agradecemento para todos os profesionais. O agradecemento o fixo extensivo aos pacientes e as súas familias, pola confianza que depositan no sistema público sanitario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2026