A Xunta destaca a vinculación da Liga Galega de Traiñeiras coa tradición mariñeira de Galicia
O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, participou en Ferrol na presentación da temporada 2026, que contará cunha trintena de bandeiras
Ferrol, 12 de xuño de 2026
O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, participou hoxe no Museo da Construción Naval de Ferrol na presentación da Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia, onde destacou que esta competición vai máis alá do ámbito estritamente deportivo ao formar parte da identidade e da tradición mariñeira de Galicia.
Durante a súa intervención, Roberto García lembrou a estreita vinculación das traiñeiras coa actividade pesqueira e resaltou que, máis de cen anos despois da primeira proba deportiva, as distintas bandeiras seguen a congregar cada verán centos de afeccionados nas vilas costeiras galegas.
O secretario xeral para o Deporte incidiu tamén no avance do remo feminino, en máximos históricos con preto de 1.200 licenzas federativas, e que a Liga de Traiñeiras foi pioneira en equiparar as condicións de competición e as probas nas categorías masculina e feminina.
A Liga Galega de Traiñeiras afrontará a temporada 2026 como unha temporada de transición antes de introducir un novo sistema no 2027. A presente edición contará con preto dunha trintena de bandeiras, que se desenvolverán entre finais de xuño e finais de agosto, e a participación de 25 clubs de toda Galicia.
Roberto García reafirmou o compromiso da Xunta co desenvolvemento dunha competición á que o Goberno galego leva destinados desde 2009 preto de 2 millóns de euros. O apoio ao remo compleméntase con outras liñas de actuación, como as axudas a entidades deportivas para actividades ou equipamento e as axudas a deportistas ou a outro tipo de eventos, que supoñen un investimento de máis de 7 millóns de euros deste 2009.